terça-feira, 24 de novembro de 2009

Comentario n'O café na trincheira

Os días ocultos ( Ed. Xerais, 2009 ) é o título dunha pequena novela de Daniel Ameixeiro. Lese con moito agrado e de corrido -eu fíxeno no tren Santiago-Vigo- e constitúe unha pequena e magnífica lección de historia de Galicia.
Quen o lea terá nese texto unha especie de retrato dun período e dunhas xentes que talvez se equivocaron, ou non fixeron o que se supoñía que tiñan que facer -eu cóntome entre os que supoñen iso- pero que estiveron aí cando poucos tiñan o valor e a coraxe de facelo.
Os días ocultos intentan retratar a atmosfera de posguerra no ambiente do galeguismo do momento. É unha novela escrita con moita simpatía e cariño por Ramón Piñeiro e Victor Campio, os dous protagonistas. So iso fai do libro unha circunstancia rara porque, como todo o mundo sabe, Piñeiro en particular esta fora do Panteón e non se merece comprensión algunha. Só ira e reprobación.
Ira e reprobación que, na maior parte dos casos, provén de xente sentada no seu sofá e que non ten nin idea xa non de en qué podía consistir a represión franquista senón outra cousa menor, pero talvez moralmente máis importante: o baleiro en torno a sí dos que intentaban facer algo.
Agora podemos saber exactamente o período que pasou Piñeiro no cárcere http://www.xornal.com/artigo/2009/11/20/cultura/liberdade-condicional-ramon-pineiro/2009112000161666570.html o que non podemos saber é canta xente lle dixo “non”, o reducido dos vimbios cos que intentou facer primeiro un cesto. Non hai que enganarse, nese período o medo era grande, e as persoas que estaban dispostas a xogarse o tipo ou a profesión eran máis que escasas.
A Xaime Illa Couto oínlle dicir un día de alguén que facía fachenda do seu nacionalismo, unha vez morto Franco, lonxe os perigos “!Quen o soubera ¡”.
Como todos sabemos, e meu pai repetía, “O falar non ten cancelas”.

Este texto é dun comentario que fixo Antón Baamonde sobre a novela Ramón Piñeiro. Os días ocultos no seu blog. Para min é unha enorme satisfacción, non soamente porque ilusiona cando o que un escribe chega de algunha maneira aos lectores, senón sobre todo porque esta novela fala dunha etapa moi difícil da historia de Galicia e na que houbo xente que se enfrontou a esas dificutaldes con moita intelixencia e cunha enorme valentía e xenerosidade.

Sem comentários:

Enviar um comentário