Quinta-feira, 17 de Setembro de 2009

Soñar Galicia

Dende a distancia que outorgan a idade e os recordos, dúas voces narran as súas experiencias nos escuros anos da posguerra. Dous homes lembran os seus medos, as súas arelas, os pequenos e grandes sucesos que, a pesar das dificultades, lles deron a forza e a ilusión para impulsar e participar, cada un ao seu xeito, nun proxecto de incerto futuro e certamente perigoso naquel presente: a construción do soño de Galicia.

Na primeira parte desta obra, titulada “Fendas na escuridade”, Ramón Piñeiro rememora fragmentos da súa biografía. Na segunda parte, “Nesta hora sen voz”, é o escritor ourensán
Víctor Campio Pereira quen tece as súas lembranzas. Coa intención de mostrar “o labor, realmente heroico”, que estes e outros coma eles levaron a cabo, o autor recopila as súas vivencias a partir de lecturas e de conversacións, de cartas, de entrevistas e testemuñas de primeira man, para reconstruílas logo de forma literaria, como discursos duns personaxes que saben do valor da memoria, e que nela procuran respostas ás incertezas non resoltas, aos detalles ínfimos que fican rexistrados, teiman en regresar e, se cadra, resumen dende sempre a vida enteira. Son instantáneas que, ao tempo que compoñen un retrato persoal, sobrio e afastado de tintes haxiográficos, reviven os acontecementos máis decisivos da historia política e cultural do galeguismo, esa historia que o tempo quere, ás veces, enfrontada e escindida.

Os testemuños dos dous protagonistas, enfiados coa caprichosa cronoloxía que ditan os recordos, conxugan as reflexións coas impresións ás que estes asocian, e así combinan a evocación de acontecementos históricos determinantes coas epifanías íntimas. As súas palabras e actos subliñan o valor do entusiasmo e da esperanza nunha época na que “todo estaba por facer, todo por inventar”, unha época na que a lingua se converteu no primeiro territorio de batalla e mais na primeira bandeira de conquista.

“Vostede como soña Galicia?”... Hai apenas cincuenta anos, baixo a ameaza, hoxe case impensable, da censura e a represión, moitas cousas sucedían por primeira vez en galego: unha voz poderosa a falar da primavera nun acto académico, un dicionario, un libro infantil, unha editorial, unha tradución de Heidegger que, polo empírico, confirmaría para a lingua prestixio cultural que se lle negaba, unha revista de estudantes que nacía nunha vila pequena, unha mesa camilla que era nave nodriza cara a tantas viaxes... Despois de pechar o libro, semella inevitable trazar comparacións do grao de entusiasmo e de esperanza que, na actualidade, contaxian os proxectos políticos, culturais, lingüísticos e mesmo megalíticos que para Galicia se propoñen. Convén, pois, non descoidar a resistencia: a ver se o que non mataron as carencias vai morrer agora de fartura.
AMEIXEIRO, Daniel, Os días ocultos, Ed. Xerais, Vigo, 2009, 11,54€

Déixovos aquí a primeira crítica da novela Ramón Piñeiro. Os días ocultos feita por DOLORES MARTÍNEZ TORRES e publicada co fermoso título de: Soñar Galicia. Do valor da memoria no suplemento Faro da Cultura do Faro de Vigo de hoxe.

A todo escritor lle ilusiona que falen da súa obra, que a coñezan, que opinen sobre ela, saber se aporta ou non aporta. A min, por suposto, tamén, e moito. Gustoume a crítica, e agradézoa de corazón, aínda que o certo é que botei en falta que a autora da crítica dese unha opinión sobre o valor literario da novela, nomeadamente sobre o estilo, moi arriscado e innovador, pois case non utilicei puntos, só comas, e intentei que toda a novela tivese o ritmo e a musicalidade da poesía. E outro factor importante a ter en conta no que se refire ao estilo é a 'arquitectura' dos capítulos (cómo se van enfiando as lembranzas) que tamén é complexa.
Dentro das miñas posibilidades e limitacións, intentei facelo o mellor posible. ¿Cal foi o resultado? ¿Malo, aceptable, bo, bastante bo, moi bo? Sinceramente, gustaríame que a crítica dixese algo ao respecto. Gustaríame que dixese algo que orientase aos lectores sobre o valor literario da novela, creo que esa é xustamente a función principal dos críticos.

Pero á parte diso, dicirvos que á alegría que sinto porque se fale da novela no Faro da Cultura (para min é un honor), engádese outra, e é que críticas coma esta poidan axudar a recoñecer o labor, realmente heroico, valente e xeneroso dos galeguistas en tempos tremendamente difíciles.
Creo (é a miña opinión) que dese labor dos galeguistas podemos aprender moito; penso que o seu esforzo xeneroso é unha mensaxe de esperanza e de ilusión que ten que servir para darnos forzas e para que sigamos avanzando, que aínda queda moito por facer.

2 comentários:

  1. Cheguei de casualidade o teu blogue, e leveime unha enorme ledicia.Vou correndo a comprar o libro.É de xustiza,e de homes xustos,lembrar e divulgar a obra de don R.Piñeiro.Como ven dis un home que xunto a uns poucos máis fixo tanto pola nosa querida terra habitada por tanto olvidadizo e desagradecido.Lembrome dos insultos que recibiu e a suxa campaña por parte de persoeiros que hoxe,tras viver grazas a postos criados pola autonomía, non poden ou saben loitar por manter o que il,xunto con máis xente, consegueou.O Galego lingua propia da Galiza e un estatuto de primeira.Pedirán perdón?.Moitas grazas por deixame opinar no teu blogue, e ánimo e os meu parabéns.

    ResponderEliminar
  2. Eu, teño que admitilo, estou cada día máis asombrado ante o amor (realmente enorme) que sentía Ramón Piñeiro por Galicia. Xustamente hai uns días lin un artigo de Siro López (nun libro de homenaxe que publicou o CIRP) e quedei aínda máis impresionado polas súas cualidades humanas realmente excepcionais (xenerosidade, intelixencia, e unha facilidade moi grande para conectar emocionalmente cos demais), unhas cualidades que explican esa capacidade de sacrificio por Galicia e que tamén explican todo o que conseguiu nuns tempos tremendamente difíciles para calquera avance galeguizador.
    Eu, máis que o perdón de algunha xente (que non creo que o pidan) o que espero (e estou seguro de que vai pasar) é que co tempo, moita, moitísima xente vai coñecer a Ramón Piñeiro como a figura excepcional que foi.
    Graciñas polo comentario.

    ResponderEliminar