Piñeiro, entre outras moitas cousas, tiña entre mans facer o número especial de Ínsula, dedicado á cultura galega, e andaba escribindo cartas e máis cartas a uns e a outros, rosmándolle aos que se retrasaban, lembrando compromisos e urxindo a cadaquén para que entregase o seu traballo. Nese número especial, como en calquera outra cousa que emprendía, Piñeiro poñía todo o seu empeño, toda a súa tenacidade, todos os seus sentidos. Nas cartas que me mandaba a Monte de la Reina, cando facía a Milicia Universitaria, había sempre alusións ao número especial de Ínsula:
“Están a voltas co número de Ínsula, que xa está na imprenta. Coido que será un número espléndido.”
E, vinte días despois asegura que
“O número de Ínsula vai por bo camiño e xa debe de estar moi adiantado. Tamén o álbum de Maside, o libro de Pimentel e mais o de Guerra Da Cal estarán listos para o 25. As catro cousas xuntas forman unha boa colleita cultural.”
Pero, á par, Piñeiro facía o mesmo labor para que o tomo de homenaxe a Otero Pedrayo estivese a punto para serlle entregado ao homenaxeado en data non distante á súa xubilación. Cartas a Rof Carballo, a Carles Riba –que non contestou-, aos portugueses, a Nina Epton. E facer unha nota introdutoria, escribir o seu ensaio sobre don Ramón, pensar en novos académicos, comprometer votos ... Piñeiro non paraba.
O texto anterior está extraído das páxinas 133 e 134 do libro Os anos escuros, de X. L. Franco Grande. É un testemuño (unha pequena mostra) do labor de Ramón Piñeiro, un labor que desenvolvía en múltiples frontes, todas moi necesarias: escribir artigos, pasar textos a máquina (entre outros, o dicionario enciclopédico de Eladio Rodríguez, que foi copiando ficha a ficha, máis de 15000 cuartillas, 45673 entradas), buscar colaboracións, aguilloar á xente para que as presentase a tempo, e (sobre todo) ilusionalos para que non cesasen no traballo.
Porque Ramón Piñeiro sabía que a ilusión era fundamental para poder avanzar naquel tempo de tebras.
Na páxina 94 do libro A ilusión da esperanza, X. L. Franco Grande cóntanos máis cousas sobre Ramón Piñeiro:
Relación persoal con cada un de nós que seguía nas vacacións, nas que nunca faltaba a carta de Piñeiro, coa letra clara e firme, mesmo de pendolista, con noticias duns e doutros, con alusións aos proxectos en marcha e sempre querendo facernos chegar un optimismo tonificante. Un tiña a impresión de que toda Galicia estaba traballando ilusionada. E iso era o que el facía cando pasaba por unha e outra vila ou por esta ou por aquela cidade: visitar a uns e a outros, falar con todos e ver que podía facer cada quen, aguilloando e compromentendo á xente nun traballo que producía ilusión. Só tendo a fe que Piñeiro tiña, e tamén o entusiasmo e a enerxía que ten demostrado, foi posible en anos tan facareños levar a tanta xente, nova e vella, a ilusión da esperanza. Se a min me preguntasen o que mellor fixo Piñeiro –e preguntáronmo moitas veces-, ou que fixo de bo para Galicia, non o dubido un intre: cando máis falta facía, cando semellaba que non había horizonte ningún, deunos a ilusión da esperanza. Para moitos de nós iso foi o pan e o viño da nosa vida.
Hai frases (supoño que a vós tamén vos pasa) que nos conmoven con especial forza, que nos chegan máis adentro. Cópiovos (para lle dar remate a este post) a que a min máis me conmoveu e que (estou convencido) mostra un camiño que penso que deberiamos seguir para que a semente de tantos e tantos galeguistas siga a medrar e a dar froitos.
"Só tendo a fe que Piñeiro tiña, e tamén o entusiasmo e a enerxía que ten demostrado, foi posible en anos tan facareños levar a tanta xente, nova e vella, a ilusión da esperanza".
La Señora Zombie es el Hada Madrina
Há 57 minutos
0 comentários:
Enviar um comentário