Quinta-feira, 13 de Agosto de 2009

O motor de tanta ilusión

A viaxe que veño de facer produciume unha fonda ledicia íntima, pois púxome en contacto cun rexurdimento das vellas arelas que fora presentindo desde a soedade castelá. Estou firmisimamente convencido de que estamos en presencia dun intenso xermolar de enerxías creadoras. A alma galega, tan adormentada e tan pasiva de seu, comeza a sentir a pasión dramática da libertade, que é a única pasión salvadora dos homes e dos pobos. A ti, querido amigo, cómpreche o honor de ser un dos guieiros de tal rexurdimento.
Tamén eu gardo con agarimo a ilusión de aportar algo persoal, aínda que a aportación seña pobre. Penso que sería interesante chegar a unha determinación rigurosa de cáles son as notas esenciais da nosa alma, os rasgos constitutivos da verdadeira fisonomía espiritual de Galicia, as cualidades realmente características da mentalidade galega.

Esta carta, enviada por Ramón Piñeiro a Del Riego o 1 de agosto de 1949 dende Lugo e incluída no libro Un epistolario de Ramón Piñeiro é impresionante.
Digo que é impresionante porque había poucos meses que Ramón Piñeiro saíra do cárcere, no que acababa de pasar tres anos da súa vida, e durante ese tempo de recluimento, ademais de estar privado de liberdade, Piñeiro viu como o obxectivo polo que estivera a loitar (e polo que fora encarcerado) deixaba de ser viable a curto e medio prazo.
Dende finais de 1942 e ata 1946, ano en que foi detido e encarcerado, Ramón Piñeiro estivo en primeira liña na loita clandestina (con todo o risco que iso supuña, sobre todo naqueles anos, pouco despois de que rematase a Guerra Civil), ao principio contactando con ex-membros das Mocidades e do Partido Galeguista e posteriormente establecendo contactos cos partidos na clandestinidade. O obxectivo era estar preparados para cando a democracia volvese a España, algo que contaban que ocorrese despois da derrota dos fascismos na Segunda Guerra Mundial. Pero ese obxectivo deixou de ter sentido xustamente mentres Piñeiro estaba no cárcere, pois foi neses anos cando a ditadura de Franco conseguiu o apoio das potencias occidentais.

¿Por que digo que é unha carta impresionante?

Pois porque despois dunha guerra que encheu Galicia de morte e dunha represión brutal, porque despois de varios anos de loita clandestina (tremendamente arriscada) e despois de tres anos de cárcere, despois de todo iso, digo, e ante a evidencia de que a restauración da democracia a curto ou medio prazo era inviable, Ramón Piñeiro non se derrumba, non se rende, non cae na melancolía nin na depresión.
Nin sequera se queda parado esperando a que cheguen mellores tempos.
¿Como reacciona?


Vós mesmos podédelo comprobar nesa carta: con moitísimas ganas de traballar e de facer cousas. E, sobre todo, cunha enorme ilusión. Porque soamente dende a ilusión se pode comprender esta frase: “Estou firmisimamente convencido de que estamos en presencia dun intenso xermolar de enerxías creadoras”.
A realidade, tristemente, era moi distinta. Porque naqueles momentos eran apenas dez, quince, poucos máis, os que estaban dispostos a traballar por Galicia.
Un mes e medio máis tarde, o 19 de setembro, tamén dende Lugo, Ramón Piñeiro mándalle a Del Riego esta outra carta:


Aquí xa animei un pouquiño a esta xente. O Pimentel comenzou a preparar un libro de versos en galego, de temas infantís, para o que xa ten feitos varios poemas. Eu teño o primeiro, porque tivo a amabilidade de mo adicar e de darme unha copia autógrafa. Mándocho copiado para que te decates da importancia que pode ter o libro. Tamén traballa nunha obra de teatro galego.
Conseguín, asimesmo, que o Celestino comenzase a traducir do alemán unha antoloxía de vellas poesías célticas, editadas hai pouco polo filólogo J. Pokorny. Despois emprenderá a tradución de Rilke ao galego. Prometeume, ademais, que este inverno traballará nun estudio estético de Rosalía, analizando e valorando a súa obra dacordo coa sensibilidade actual.
Non sei se o Fole cumplirá a promesa de tentar algunha cousa.
Xa te podes imaxinar a miña ledicia ao comprobar a vitalidade do equipo lugués neste ollecer da nosa cultura.

De novo a ilusión, unha ilusión realmente impresionante, que mesmo o leva a afirmar que (recordémolo, estamos no ano 49) se encontran nun momento de renacer da cultura no noso idioma.
A pregunta (a primeira que nos facemos despois de ler esas palabras) é: ¿Cal era o motor que impulsaba tanta ilusión?

Galicia.

Porque só un amor enorme a Galicia (á nosa identidade como pobo, á nosa cultura e á nosa língua) pode explicar esa ilusión nunha situación tremendamente difícil e dramática para o noso país.

Unha ilusión que (el sabíao) era fundamental naqueles tempos para motivar á xente a que fixese cousas. Porque o normal (se un miraba ao seu redor) era non facer nada. Galicia, no ano 49, era un ermo, un ermo creado polo trauma da guerra, polo medo e polo terror. Francisco Fernández del Riego explícanolo moi ben no libro A xeración Galaxia. Na páxina 45, lemos:

A editorial Galaxia xurdiu, como levo dito, en momentos nos que predominaba na conciencia colectiva o desnorte, a ignorancia, o escepticismo.
As xentes descoñecían, ou esqueceran, as figuras ilustres que tanto fixeran ao servizo do país, e que a ditadura reduciu ao silencio. Xa non se cría en nada, porque Galicia perdera a conciencia de si mesma. O noso pobo convertérase nun cabeiro inútil, como o rabo morto e esclerosado dunha ave morrediza. A comunidade, con características culturais específicas, estaba a agoniar irremediablemente.

“O noso pobo convertérase nun cabeiro inútil, como o rabo morto e esclerosado dunha ave morrediza”.

Esa era a situación, esa era a realidade (tremendamente dura e frustrante para os que querían unha Galicia dona de si) á que se tiveron que enfrontar os galeguistas.


Ramón Piñeiro sabía que para ter posibilidades de éxito facía falta moita ilusión.
Nese aspecto (como en tantos outros) el foi decisivo.

Sem comentários:

Enviar um comentário