Terça-feira, 4 de Agosto de 2009

O frade das dúas almas

xoves, 17 novembro, 2005

Amigo Víctor:

Hai uns días lin a novela ('O frade das dúas almas'). Como dis, non é ningunha Esmorga, pero penso que é publicable, pois está ben escrita (lese moi ben), reflicte unha época, e tamén ten aportacións lingüísticas (sobre todo expresións) que é importante que non se perdan. Por outra parte, está o seu valor 'simbólico': o feito de que a novela estivese para publicar, xa nos talleres de Ánxel Casal, cando de súpeto o ceo cubriuse e Galicia quedou ceguiña de todo.

É curioso, porque eu vexo certo 'paralelismo' entre o densenrolo da novela e esa época terrible. Quero dicir que ao longo da novela imos coñecendo os personaxes e agardando (con esperanza, aínda que tamén con incertidume) cal vai ser o camiño destas persoas, e a novela vai avanzando (ás veces avanza un pouco máis, ás veces un pouco menos). O que me sorprendeu foi o final. Porque, de súpeto, todo se precipita, todo se acelera, negándonos aos lectores o que estabamos a esperar: saber máis sobre as vidas dos protagonistas, agora que xa comezaban a vivir a súa propia vida (cando entraban na madurez).

Curiosamente, estas dúas impresións que me causou a novela (o final triste polas esperanzas coutadas e o 'precipitado' dese final) son unha especie de metáfora daqueles tempos (da guerra e a represión, co que trouxo: esperanzas coutadas e tamén un final (para moitos) precipitado).

O que che acabo de comentar (o desa 'curiosa metáfora') paréceme un punto interesante.

Cambiando de conversa, queríache dicir que me gustaría moito saber, máis ou menos, a túa 'traxectoria vital' (xa sei que esta expresión soa moi rara :-) ), ou (dito doutra maneira) 'os camiños que andaches'. Sei que viviches en Garabás, logo en Ourense, sei que deches clases en Esteiro do 59 ao 61, sei que estiveches en Madrid, ..., pero non teño moi claro, nin a orde temporal, nin as datas. Se mo podes comentar, agradeceríacho. E dos sitios nos que estiveches, gustaríame que me falases de xente que coñeciches e que che 'quedou gravada', a xente que che causou moi boa impresión. Se tes algúns recordos sobre eles: sobre os seus traballos, sobre as súas inquedanzas, sobre os seus medos, etc. gustaríame que contases.

No Ourense da túa primeira etapa supoño que esa xente estaría arredor do grupo 'Xente Nova'. En Esteiro supoño que sería Xosé Tobío. En Madrid, entre outros, supoño que coñecías máis ou menos ben a Ben-Cho-Shey. Agradézoche calquera lembranza que teñas das diferentes etapas da túa vida e da xente que coñeciches.

En concreto, de Xosé Tobío gustariame saber o recordo que tes del, e tamén saber as cousas sobre as que normalmente falabades. E se iades camiñar pola praia, etc. En todo caso, Víctor, todo isto son ideas miñas. Ti escribe cando podas e sobre as cousas que recordes. Xa sabes que para min iso é o importante.

Unha aperta,
Daniel

0 comentários:

Enviar um comentário