Terça-feira, 4 de Agosto de 2009

Leria

Ourense, 30 de outubro de 2005

Amigo Daniel:

A anécdota da irmá de Ánxel Casal fíxome lembrar a Xosé Tobío Mayo, un mestre republicano de Esteiro ( Muros) que, cando estalou a guerra, tivo que fuxir a Francia e de alí a Arxentina, onde coñeceu a Castelao. Regresou ó cabo de dez anos, foi amnistiado e reposto no seu emprego de mestre. Alí, en Esteiro, coincidín con el. Antes de fuxir, no ano 36, tiña unha novela titulada "Padre Hilarión", para ser publicada na imprenta "NOS", de Ánxel Casal, cun prólogo de Suárez Picallo. Chegou a guerra, Áxel Casal foi fusilado, Xosé Tobío fuxido, e da novela nunca máis se soupo. Pero xa de volta, en Esteiro, foina refacendo como puido e substituíndolle o título polo de "O frade das dúas almas". Eu fun parar a Madrid e el, antes de morrer, mandouma alí para que eu lla publicase "cando cheguen tempos mellores, que para vós han chegar".
Os tempos chegaron, pero a novela non se publicou. Falei co Concello de Muros e coa asociación cultural de Esteiro que, precisamente, leva o seu nome, pero non a publicaron. Non era unha "Esmorga", dende logo, pero podía ser un documento importante para coñecer a vida e costumes de Esteiro (e das terras costeiras de Galicia). Eu publiquei nunha revista de Esteiro un artigo sobre Xosé Tobío. Tamén gardo a súa novela. Aí quedou todo. Así é a vida.

A miña vida en Garabás era distinta dos demáis nenos, pois na miña casa non había labranza. Tiñamos soamente unha horta e tamén un burro, unha xena (cabra) e un can (o León). Pero miña nai vivía dun soldo e os garabaneses vivían da terra e das feiras, pois case que todos eran "tratantes". Eran coñecidos os garabaneses como falsos nas feiras, e pode ser que o fosen, pero en Garabás eran a mellor xente do mundo. Cando no tempo da matanza tiñamos que mercar un porco, miña nai dicíame: "Neno, ponte aí na solaina e cando pase un feirante, avísame". Non facía falta que fose máis ou menos amigo da familia. O primeiro que pasaba era o encargado de nolo traer. E nós xa sabiamos que o mellor marrau e máis barato era para a señora "maestra". Sempre así, nos trinta anos que botou alí miña nai.
Na parroquia a xente comía pan de broa (boroa) e de centeo, pero o crego e máis nós, comiámolo de trigo (pantrigo), que nolo traía o panadeiro de Maside, pois nós non tiñamos nin millo nin centeo nin forno, cousa que eu sempre botei de menos. Cando se nos antollaba pan de millo, miña nai cambiáballo polo de trigo a algunha veciña. (Eu aínda hoxe, algunha vez, vou á praza e merco un cachiño de pan de millo coma quen merca unha lambetada).
O almorzo, normalmente, eran papas. Fariña cocida con auga. Nós engadiámoslle leite e esmigallabámoslle pan. O xantar dependía bastante do tempo. Había caldo, de primeiro plato, todo ano, iso sí. A min non me gustaba. De segundo soían ser patacas cocidas con carne e un rustrido de aceite, cebola, allo e pemento. O pescado non chegaba tódolos días, só de cando en vez. Traíano de Maside e sempre era o mesmo: xerelos e sardiñas. (Algunha vez, lembrome que comín berberechos).
Pola primavera, cando nacían as patatas novas, facíase un guisado con patatas, carne e guisantes. O primeiro día que se comían, había que dicir: "No nome de Deus". Despois, xa non.
Abusábase moito do cerdo: chourizos de carne e de cebola, touciño, unto...

(Todo isto, antes da guerra. Despois da guerra, deixamos Garabás, viñemos para Ourense e xa cambiou todo, como che contarei outro día).

A escola era unha escola tradicional, moi memorística. Os mestres da república empezaban a cambiala, pero non lles deu tempo. Para min era unha prolongación da casa, xa que era unha habitación máis, nunha esquina da casa. O malo era cando, ás cinco, se marchaban tódolos nenos e eu quedaba alí soíño, sen ter con quen xogar. Entrábame unha angustia!
Pero logo collía o "Pepinucho" (o meu xoguete preferido) ou outro calquera e xa se me ía pasando a tristura. Recordo que eu me divertía con calquera cousa: un formigueiro, un grilo, unha vacaloura, unha lagartiña, as volvoretas, os saltóns (saltamontes).... Tamén recordo que domestiquei un corvo. Fíxenlle unha "vivenda" debaixo das escaleiras da casa. Dáballe de comer na man. Pero miña nai (tal vez por un sentido supersticioso) non estaba de acordo con aquilo. Un día, sen que eu me decatase, colleuno e levouno moi lonxe, máis alá da parroquía, xa perto de Maside. Cando regresou, xa estaba o corvo comendo na miña man. Así que decidiu falar cun veciño para que o matase. Eu collín un cabreo que inda hoxe non me pasou.
Tamén tiven outro percance desagradable. Empecei a domesticar unha bubela. Cando xa estaba case que domesticada, pousada na solaina, apareceu un gavilán planeando sobre ela, enganchouna e fuxiu con ela.

Miña nai era boa mestra. Utilizaba métodos sacados da súa propia experiencia. O material escolar era escaso. O silabario, o catón, un libro titulado "Lecciones de cosas", outro de urbanidade (materia obrigatoria) e recordo tamén un tal "Juanito" (me parece que se titulaba así) que era a vida dun neno modelo, que facía todo moi ben (para que nós tomásemos exemplo) e que a min me parecía un neno miserable e repugnante. Tamén había outro, de lectura, que se titulaba "Manuscrito" e que, efectivamente, estaba escrito a man, con distintos tipos de letra. Logo, as tablas de sumar, restar, multiplicar e dividir, etc..
As mesas eran bipersonales. Tiñan un burato onde se metía un tinteiro. Alí mollabamos a pluma para escribir os nosos deberes. Pero o material máis usado eran a pizarra e mailo pizarrín para facer contas e tamén para escribir e, sobre todo, para xogar ós ceros sen que nos vise miña nai.

Teño que che dicir unha cousa. Ourense, na república, era unha das provincias cos mestres mellor preparados de toda España. Había unha organización chamada A.T.E.O. (Asociación de trabajadores de la enseñanza de Orense) que publicaba unha revista (eu conservo moitos exemplares) onde se expoñían os adiantos pedagóxicos de última hora. O ministro de Instrucción Pública chegou a mandarlle un telegrama de agradecemento á dita organización. Excusado dicir que, chegada a Revolución, todos foron represaliados e moitos asasinados.
Empecei a coller carretilla e non paro. Xa está ben. Deica sempre. Víctor

2 comentários:

  1. É como estar escoitando aos meus avós, que xa faleceron; é como oír falar a meus pais, que cada vez citan menos as súas cousas de cando eran novos, pero cando o fan..., son estas mesma palabras.

    ResponderEliminar
  2. Efectivamente, nesta mensaxe que me enviou Víctor Campio fala dun mundo que en moitos aspectos xa non é o noso, pero é bo saber del, porque de aí vimos, e porque aínda que hai cousas que xa non cadran co noso modo de vida, sen dúbida hai outras que é bo que conservemos. Pero para conservar é importante primeiro coñecer, rexistrar, e (por suposto) mostrar aos demais un mundo que é 'invisible' para moita xente, xustamente como estás a facer coa mostra dos oficios tradicionais, arredor dos que hai moita riqueza que non deberiamos deixar morrer.

    ResponderEliminar