Segunda-feira, 24 de Agosto de 2009

Fin de camiño

Cando (alá polo ano 2004) decidín escribir esta novela, a miña intención era mostrar o labor, realmente heroico, dos galeguistas durante os difíciles anos da posguerra. Como referentes tiña a Del Riego, a Ramón Piñeiro, a Otero Pedrayo. Houbo máis, por suposto, está claro que eles non foron os únicos protagonistas. Xaime Illa Couto e moita outra xente tamén foron fundamentais no labor recobrador que levou a cabo o galeguismo durante eses anos.

Máis adiante, no verán de 2005 e como comentei nun post anterior, unha bonita casualidade levoume a coñecer a Víctor Campio Pereira, que, cunha enorme xenerosidade, foime regalando moitas lembranzas sobre a súa andaina nos camiños do galeguismo. Esas lembranzas utiliceinas para escribir “Nesta hora sen voz”, a segunta parte da novela.

A primeira parte (“Fendas na escuridade”) conteina dende a voz de Ramón Piñeiro. Foron máis de dous anos, foron moitos os meses que dediquei (aínda que non de forma continua) a profundizar na súa vida, a intentar absorber as súas vivencias para poder darlles despois forma literaria.

Foi este un camiño bonito que estou moi contento de ter percorrido. Un camiño que (agora seino) ha seguir sempre comigo. Ramón Piñeiro é, e será sempre, un referente para min.

Aló polo mes de maio deste ano mandei varios exemplares da novela a xente achegada a Ramón Piñeiro. Unha desas persoas (que tivo unha relación moi estreita con Ramón Piñeiro) nunha carta que me enviou o 14 de xuño, dicía cousas que, teño que admitilo, me emocionaron. Por varias razóns. Unha desas razóns foron estas palabras:

“Penso no moito que lle tería emocionado a el a lectura deste libro. Pero iso xa non podemos vivilo, infelizmente. Aínda así, eu estou vendo o xesto que poría, entre tímido e avergoñado, sorrindo por debaixo do nariz (como dicía un amigo do noso grupo) e tratando de falar doutra cousa ...”

Outra das razóns era que, dalgunha maneira, con esa carta eu tiña a impresión de que estaba a fechar un círculo, aquel círculo que eu comezara alá polo ano 2004, cando naceu en min a ilusión de escribir esta novela. E así llo indiquei na carta de resposta. E tamén engadín:

“Pero aínda que ese ciclo xa se fechase, hai algo que sigue e seguirá sempre comigo (agora aínda con máis intensidade) e é a miña identificación cos galeguistas, un exemplo de xenerosidade, de intelixencia, de valentía e de bondade”.

Hoxe, con este post, dou por rematado este outro ‘círculo’ que foi o blog. Teño un sentimento contraditorio, é certo. Por unha parte gostaríame seguir porque a información que teño dá para moitos máis posts. Pero neste momento hai outras tarefas nas que me quero centrar e que van esixir de min moita dedicación, moita máis da que lle puiden dedicar ata o de agora. E despois veñen outros proxectos, outras fases.

Tan só me resta darvos as grazas de corazón a todos os que me acompañates neste fermoso camiño e mandarvos dende aquí unha forte aperta.

4 comentários:

  1. Ímolo botar moito de falta, Daniel, moito. Pero ben, quedará aquí na arañeira para volver a el a cada momento. Foi un pracer enorme mergullarse de cando en vez polo teu blog. Grazas.

    ResponderEliminar
  2. Moitas grazas a ti, Carlos, por acompañarme nesta pequena viaxe, polo teu apoio e os teus comentarios.

    ResponderEliminar
  3. Magnífico blog, Daniel, pasarei por el con frecuencia!!!

    Noraboa!!!

    Almiral Mouchez

    ResponderEliminar
  4. Moitas grazas, Almiral, polas túas palabras. É unha pequena homenaxe a xente que fixo moitísimo por Galicia. Apertas.

    ResponderEliminar