Quinta-feira, 6 de Agosto de 2009

¿Como o conseguía?

A túa carta, que agardaba con grande interés, tranquilizoume bastante. Eu tiña noticias do teu novo destino e das espléndidas condicións económicas que levaba consigo. Non coñecía, porque só ti ma podías aclarar, a razón profunda do cambio operado na túa roita dende a nosa derradeira conversa. A primeira impresión que tiven –non cho quero ocultar- foi de estremecemento, coma se de súpeto vise abrirse un abismo aos teus pés. Ben, a explicación é abondo profunda e esencial e a min espertoume unha gran confianza na túa capacidade pra saíres indemne da proba. Farías mal en reprocháreste nunca a decisión tomada. Tiñas motivos pra obrares así e iso, en fin de contas, non precisa máis xustificacións (pra ti mesmo, claro está, que é o único importante). Son dous anos de proba, de dura proba, pois terás que loitar con íntima enerxía pra non naufragares na intensa superficialidade dunhas obrigas e deberes de absorbente rutinarismo. Ti tes forza espiritual dabondo pra venceres eses dous anos ameazantes. A mesma decisión con que afrontaches a situación dilemática, revela unha capacidade de enerxía que abonda pra te levar san e salvo á outra ourela dese ancho lago temporal de vintecatro meses. Non deixes de ler. Non deixes de escribir. Non deixes de pensar e de facer proxectos pra o futuro. Conserva viva e acesa a inquedanza espiritual que tan esencial é á túa verdadeira personalidade íntima. Aproveita, incluso, pra estudiares sistemáticamente algo, por exemplo un idioma. Crea, en fin, un sólido mundo espiritual propio, alleo e independente do da oficina. Naturalmente que xa o levas dentro de ti, pro trata de lle dar aí obxectividade. Escribe aos amigos. Pídenos libros e todo canto precises. Se pode ser, leva discos pra que te acompañen na soedade das noites invernizas. De ningún xeito podes ceder á rutina ou ao tedio, que son as polillas que aí rondarán o teu espírito.
...
Recibín o ensaio de Celestino sobre o humorismo, que é, como ti me anunciabas na túa carta, verdadeiramente orixinal e interesante.
O Camilo escribiume dende Londres. Por se lle queres escribir, mándoche as súas señas: 18, Talbot Square, London W.2
Unha aperta moi forte do teu amigo.

A carta anterior está extraída da páxina 73 do libro: Cartas a un mozo galego. Correspondencia con Xosé Luis Allué. 1953-1967. É unha carta que lle enviou o día 10-VII-1956 a Santiago de la Espada, Jaén.

Foron moitas as veces que me preguntei por qué Ramón Piñeiro tiña tanta capacidade para chegar á xente, para entusiasmalos, para animalos, para conseguir que abrazasen a causa da defensa do noso idioma e que traballasen por Galicia. Creo que unha das explicacións está na capacidade que tiña para empatizar coas persoas. Tal como vemos nesta carta, no caso dos mozos diríxese a eles como un pai que dá consellos e que se preocupa (sobre todo) polo benestar emocional e espiritual.

Piñeiro usaba a palabra ‘espiritual’ non en sentido relixioso (pois non era crente) senón nun sentido máis amplo: para simbolizar o desenvovemento da riqueza que tódolos seres humanos levamos dentro de nós.

É moito o que deberiamos aprender de Ramón Piñeiro, sobre todo da súa capacidade para concienciar á xente na defensa do noso idioma, na defensa de Galicia.

0 comentários:

Enviar um comentário