Os teus xuízos sobre o meu traballo proporcionáronme a ledicia de saber que non perdín o tempo. Ledicia tanto máis xustificada canto que non teño, como sabes, a menor dúbida en canto á calidade e finura do teu criterio e a sinceridade das túas verbas.
...
Pola miña banda tentarei de cumprir, na medida das miñas forzas e capacidades, a miña tarefa de acordo coa coñecida recomendación goethiana: sen presa, pero sen pausa. Ben vale a pena de o facer cando se sabe que non se está só, que non se traballa no baleiro e que hai un entusiasmo con sentido nos nosos designios. Cando penso no camiño recorrido non podo menos de alegrarme e ser optimista. ¿Lémbraste daquelas conversas na muralla cheas de fantasía cando falabamos dun Heidegger en galego, dos temas galegos esenciais do humorismo, da saudade, do lirismo, da paisaxe ...? Pois todo, pouco a pouco, vaise cumprindo. ¡É magnífico! Ao primeiro eramos ti e mais eu sós a soñar e agora xa somos moitos. E moitos dos que nin tan sequera sabiamos que existían. Aínda haberá moitos máis que terán que vir a soñar e traballar con nós. Sei moi ben cantos traballos, desgustos, sacrificios e gaitas che ten costado todo o que ata agora se ten acadado, pero imaxínome tamén moi ben a grande íntima ledicia e satisfacción que tes que experimentar cando, na soedade, na intimidade, fas balance e ves medrar a obra.
Esta carta mandoulla Celestino Fernández de la Vega a Ramón Piñeiro en xaneiro do ano 1958 e está extraída do número 111 de GRIAL.
É unha carta bonita.
Nela somos testemuñas da alegría que manifesta Celestino polo camiño que levan xa percorrido e polos resultados acadados. Naquel momento estaban a ver os froitos do que ao primeiro (cando el e mais Ramón Piñeiro camiñaban ás noites pola muralla de Lugo) eran soamente soños.
Sen dúbida, ata ese momento o camiño tivo que ser tremendamente duro. Porque os froitos do enorme esforzo que fixeron (conseguir levar adiante moitos proxectos fundamentais para lle dar ao galego un prestixio como língua de cultura que non tiña), eses froitos, digo, dábanlles forza e enerxía. Pero a pesar da alegría que sentían, pero a pesar de que os froitos estaban a agromar, a situación na que desenvolvían o seu labor seguía a ser moi dura. E ás veces era moi difícil, tremendamente difícil, seguir adiante. E era neses momentos cando soamente as palabras sabias e agarimosas dun amigo podían conseguir que un seguise no camiño e non desesperase.
Pero sobre iso (se vos parece) hei tratar no seguinte post.
Nese post heivos falar sobre a teoría da ‘carta socrática’, unha ‘técnica’ moi utilizada por Ramón Piñeiro para guiar aos amigos (a través da forza dos razonamentos, apoiándose na ‘luz da verdade’ e partindo da realidade ‘tal e como é’ e non ‘cómo nos gostaría que fose’), para guialos, digo, e axudarlles a saíren das tebras.
La Señora Zombie es el Hada Madrina
Há 52 minutos
0 comentários:
Enviar um comentário