Segunda-feira, 24 de Agosto de 2009

5 de marzo de 1958

Chegou o día sinalado. Algo raro semellaba ocorrer no vello edificio da Universidade. Un formigueiro de xente moza subía para o Paraninfo. E ao pouco tempo había máis xente apiñocada fóra ca dentro. A chegada de don Ramón foi saudada cunha forte ovación, cos presentes postos en pé. Abelardo Moralejo, o decano de Filosofía e Letras –emocionado como nunca o vimos, que non era home de emocións-, leu unhas fermosas liñas non só en gabanza de don Ramón (sinto –dixo- non poder eu dicir del eu cousas tan fermosas coma as que ten dito de min, sen eu as merecer), senón tamén laiándose da fatalidade da xubilación, de que nada se puidera facer para que don Ramón continuase na súa cátedra ...

Don Ramón, despois das palabras de Moralejo, ergueuse para pronunciar o seu discurso de despedida. Fíxoo en galego, porque –dixo- así mo pediu unha alumna. Era a primeira vez que eu oíra falar galego nun acto académico. Dixo que ía falar das ruínas, do conepto xeográfico das ruínas, que fora o tema do seu discurso na apertura do curso académico de 1950. Pero non ben empezara o seu discurso, dixo que non tiña sentido facelo, que diante daquela inmensa mocidade só podía falar da primavera. Deu unha viraxe total ao seu discurso e pronunciou unha fermosa peza oratoria, que foi un canto á mocidade, para rematar laudando a todos con versos de Pondal: “Boandanza, saúde, /raza de Breogán”.

Fora mesmo electrizante o acto. A poderosa voz de don Ramón electrizáranos a todos. E saímos de alí verdadeiramente mallados. Houbo persoas moi coñecidas, que penso que non debo nomear aquí, que bagullaban a fío. Nunca estivo tan claro para min que Galicia podía espertar. O acto non tiña precedentes, nin polo lugar –un acto académico-, nin polo tempo no que ocorría –1958- dende o inicio da guerra civil. Só Otero Pedrayo, na Galicia de entón, podía conseguir algo semellante.

Axiña se correu a noticia de que un certo profesor da Facultade de Farmacia, foráneo, dixera que estivo a piques de erguerse e largarse, ao ver que don Ramón se expresaba en galego. Pero todos estabamos de acordo que isto dicíao despois do acto, que nin el nin ninguén tería a ousadía de facelo realmente. Porque naquel acto só existía don Ramón. E Galicia. E a foula, a inmensa foula estudiantil que estaba con el. Xa pola tarde, na casa de García-Sabell, comentabámoslle a noticia. E Domingo aseguronos que tal tolería non a tería cometido ninguén: “Eu sería o primeiro que me botaría a S.”. Asegurounos que el tamén estaba mallado, que non podía facer nada, que a intensa emoción do acto o deixara abraiado e imposibilitado para aquel día.

O texto anterior está extraído das páxinas 127 a 129 do libro Os anos escuros, de Xosé Luis Franco Grande. Creo que sobran as palabras. Tan só repetir, como remate para o post, o que di Franco Grande, pois penso que transmite moi ben a importancia da figura de Otero Pedrayo, que é, e sempre será un dos nosos grandes referentes, que sempre será exemplo, guía, camiño, luz.

Déixovos coas palabras de Franco Grande:

Nunca estivo tan claro para min que Galicia podía espertar. O acto non tiña precedentes, nin polo lugar –un acto académico-, nin polo tempo no que ocorría –1958- dende o inicio da guerra civil. Só Otero Pedrayo, na Galicia de entón, podía conseguir algo semellante.

0 comentários:

Enviar um comentário