Quarta-feira, 8 de Julho de 2009

Xelmírez 15, 4º

Unha mesa de braseiro cuberta por un tapete verde e varias cadeiras dispostas ao redor, varios andeis, un retrato de Beethoven, outro de Hegel
unha reprodución de anotacións musicais dun códice medieval e un debuxo a carbón que alguén lle fixo hai moito tempo
e ao fondo
(detrás da ventá da galería, talmente como un cadro impresionista, con esas cores difuminadas, case gastadas)
as vellas chemineas de Santiago, o musgo nos tellados ....

¿E por que (poida que vos preguntedes) camiñamos hoxe por debaixo dos soportais da Rúa Nova? ¿Por que vos pedín que entrásemos no número 15 desta casa da rúa Xelmírez? ¿Por que subimos, un a un, os 56 banzos?
Aínda que queredes saber, polo de agora non digo nada, sigo subindo as escaleiras ata chegar a esa porta que tan ben coñezo
e por fin xa estamos no cuarto andar diante dun letreiriño moi sinxelo, feito con letras de dymo, no que pon
(¿Véde-las letras, védelas ben?)
Ramón Piñeiro
de maneira que o que fago é coller o petador de metal e bato suaveciño porque a casa non é grande, e escoitamos uns pasos que se achegan, e é Isabel quen abre, dinos que nese momento el non está, que saíu facer uns recados, pero que podemos pasar
(que pase eu, que pasedes vós tamén)
Isabel sempre tan atenta, sempre tan amable, e mentres avanzo por este corredor tan estreito, vénme á cabeza unha pregunta que me fixen moitas veces, unha pregunta que vós seguramente tamén vos estades a facer
-¿Por que estamos hoxe aquí, que é o que buscamos?
e entón
de súpeto
(talmente como se acabase de saír dun soño)
decátome de que en realidade eu nunca estiven nesa casa, que nunca subín esas escaleiras, que nunca atravesei ese corredor
que nunca escoitei a súa voz vibrando nesa sala.

Pero (agora que o penso) creo que en certo sentido, que no fondo, en realidade, si estiven
aínda que fose de outra maneira, aínda que fose a través de outros ollos que pouco a pouco se foron convertendo nos meus propios ollos
(aínda que fose a través das palabras de outro que pouco a pouco se foron convertendo nas miñas propias palabras)
Si, recórdoo ben, recordo que foi Víctor Freixanes quen me trouxo aquí por primeira vez
(despois volvín máis veces, moitas máis veces).

De maneira que aínda que sexa un soño ou un espellismo ou algo que non acabo de comprender ben, sigo avanzando cara á mesa de braseiro, entro na sala
e vós
(que seguides ao meu lado, porque estades aí ¿non si?)
plantexades a pregunta que hai tempo que tedes preparada, preguntades:
-¿E por que Ramón Piñeiro? ¿E por que queres que sexa el quen nos fale do galeguismo durante a posguerra? ¿E por que non Otero Pedrayo? ¿E por que non Fernández Del Riego?
Estades confusos. Seino. E tedes máis preguntas:
-¿E por que quixeches que entrásemos na casa? ¿Por que queres que sentemos ao redor da mesa de braseiro se el non está aquí, se aínda non chegou, se poida que tarde en chegar?
E entón pídovos paciencia, dígovos que hai razóns para que sexa Ramón Piñeiro e non outro, pero que será outro día cando volas explique.

E entón dígovos, pídovos que
(se mo permitides)
o que máis me gustaría agora é vivir este momento como o vivín tantas e tantas veces
(tan só fechar os ollos e volver recordar as palabras de Víctor Freixanes na páxina 105 de Unha ducia de galegos, no capítulo no que entrevista a Ramón Piñeiro)
pídovos que
(por favor)
vos acheguedes á ventá da galería e que escoitedes, que soamente escoitedes:

A galería dá á rúa de Xelmírez e pódese ver a rúa Nova ata o cine Principal, os tellados vellos de Compostela, unha tenda de ceras na esquina que semella estar pechada sempre, coma morta, os campanarios (outra vez os campanarios, escuros, gobernados aquí polas altas torres da catedral, que queda un pouco á dereita). Axiña vén a noite polo mes de Santos. Chove a cachón, chove de abaixo pra riba, de riba pra abaixo, e a auga anda xa nas entrañas das cousas, escorregando entre as laxes de pedra, xurrando polas costas e esvaíndo as imaxes. Cando estiña, os cascarolos nocturnos saen dos seus currunchos e van coma fatos de carneiros calados polos granitos.

E a continuación, antes de fechar os ollos para sentir a tranquilidade que reina nesta sala, dígovos que non importa que Ramón Piñeiro non estea aquí neste momento, porque ha volver, porque sei que non ha tardar en volver.

4 comentários:

  1. Ben escrito. Moi evocativo. Como admirador de Ramón Piñeiro, agradézolle moito este blog.

    ResponderEliminar
  2. Coma sempre é unha delicia pasarse polo teu blog, Daniel. Facelo fai que un se dea conta de cantas cousas interesantes se perden de saber por mor do despiste que temos.

    ResponderEliminar
  3. Para min é un privilexio escribir sobre Ramón Piñeiro, unha persoa cunhas cualidades humanas, intelectuais e políticas realmente excepcionais. E digo políticas porque o que el fixo durante toda a súa vida foi xustamente iso, unha política posibilista que permitise avanzar na construción do país, unha política baseada no diálogo enriquecedor, no esforzo, na ilusión e na xenerosidade. Como dicía Franco Grande hai pouco nunha entrevista: "Fannos falta moitos Piñeiros".
    Mándolle un cordial saúdo e o meu agradecemento polas súas palabras.

    ResponderEliminar
  4. Grazas, Carlos, alégrome de que te pases por aquí.
    Tes razón, hai moitas cousas interesantes e que, por unha razón ou por outra, non chegan a nós, e é unha pena. P. ex., este libro ao que fago referencia ("Unha ducia de galegos") con entrevistas que nos permiten saber e aprender moito, un libro que moi pouca xente coñece e que (polo que vin en internet) ¡creo que está esgotado! (non pode ser, tiven que mirar mal). Para min é un libro fundamental.

    ResponderEliminar