Sexta-feira, 17 de Julho de 2009

Un santo laico

Coñecín a Ramón Piñeiro pouco despois da morte de Franco, cando lle fun preguntar acerca da loita política clandestina que o levara ó cárcere en 1946. Recibiume con agarimo e respondeume sen a menor mostra de rancor nin de ansia revanchista. Cando nos separamos, pensei que estivera cun santo laico, unha especie de home máis aló das miserias históricas e das cotiás.

Volvín velo con frecuencia cando vin para Santiago de Compostela como delegado xeral da Axencia Efe en Galicia (1979-1983). Encontrei daquela un Piñeiro distinto, coa ollada posta no futuro da nosa terra, e non no pasado. Un Piñeiro sempre amable e sutil, bo observador, pero quizais cauteloso de máis cando falaba da actualidade política. Estaba claro que non lle gustaba o que vía, pero nunca mo dixo para publicar. Tivemos que compartir varios encontros e comidas para que aquel home prudente comezase a confiar. Mais cando o fixo sempre foi para non divulgar. Nembargante, aquel Piñeiro interesoume moito máis. Quizais deixou de ser o santo laico de antes, que non se metía con ninguén, e amosou o home culto, razoador e profundamente político. Un home que sabía ben o que non quería nin estaba disposto a transixir, aínda que ás veces dubidase sobre o xeito de conseguir o que anhelaba para Galicia. Era a súa maneira, en certo modo socrática, de facer política. Pero non era un home que cedese no esencial.

Este é o Ramón Piñeiro que coñecín –creo que ben- naqueles anos en que se debateu o Estatuto de Autonomía de Galicia e acadou a presidencia (Fraga mediante) o doutor Fernández Albor. Piñeiro foi elixido deputado, como independente, na lista de PSdeG-PSOE. Os galeguistas optaran por galeguizar coa súa presenza os partidos que se presentaban en Galicia. Piñeiro explicoumo daquela co seu pragmatismo habitual: “É a mellor opción simplemente porque non temos outra”.
Eu só lamento que a súa actuación política non fose sempre máis visible, porque o merecía. Quizais non podía selo daquela, non o sei.

El non quería ferir gratuitamente, pero tampouco se resignaba a calar o que pensaba. Iso convertíao nun agudo conversador confidencial. E nese espazo si que era posible coñecer o fondo das súas discrepencias con Valentín Paz Andrade, Celso Emilio Ferreiro ou X.L. Méndez Ferrín (implacable con el). “Difundir as nosas discrepancias, ¿a quen lle convén?”, preguntábame. Eu respondíalle: “A Galicia”. Ollábame con agarimo e negaba: “Non, só lles convén ós inimigos de Galicia”. Niso disentiamos, xaora. O meu concepto de xornalismo era outro. Mais o estratega galeguista era el, e sabía ben o que quería. Sempre o soubo. Sempre en Galicia. Non o parecía, pero foi un home clave.

Este que acabades de ler é un artigo que publicou Carlos G. Reigosa, co título de “Un santo laico”, o sábado 16 de maio de 2009 no suplemento Culturas de La Voz.
Comentábavos nun post anterior que segundo pasa o tempo imos coñecendo mellor a Ramón Piñeiro debido a que están a saír á luz novos libros, estudos, epistolarios, artigos en revistas e tamén en xornais, como é o caso deste que vos copiei hoxe.
Sobre Ramón Piñeiro queda moito por dicir. El, xunto con Castelao, é unha das figuras fundamentais da Galicia do século XX.


A miña idea cando comecei este blog era contarvos moito máis, e espero poder facelo algún día, pero será máis adiante. ¿Por que non agora? Pois en primeiro lugar porque axiña comezo as vacacións e ademais (esta é a razón fundamental) porque nestes momentos estou centrado nunha recolleita fraseolóxica que cada día que pasa me absorbe máis. Comeceina hai moito tempo e rematala nos vindeiros meses é unha das miñas grandes ilusións.

Moitas grazas a todos os que pasastes por este espazo de encontro arredor do galeguismo, da novela Ramón Piñeiro. Os días ocultos, de Ramón Piñeiro, de Víctor Campio e de tanta xente que participou no labor recobrador. Espero que axiña nos volvamos a encontrar.

Remato o post cunhas palabras de Franco Grande, tomadas da páxina 94 d'A ilusión da esperanza, e despois con outras de Piñeiro. Franco Grande, ao analizar a figura e a trascendencia de Ramón Piñeiro, dinos:

Só tendo a fe que Piñeiro tiña, e tamén o entusiasmo e a enerxía que ten demostrado, foi posible en anos tan facareños levar a tanta xente, nova e vella, a ilusión da esperanza. Se a min me preguntasen o que mellor fixo Piñeiro –e preguntáronmo moitas veces-, ou que fixo de bo para Galicia, non o dubido un intre: cando máis falta facía, cando semellaba que non había horizonte ningún, deunos a ilusión da esperanza.

As palabras de Piñeiro, que vos copio a continuación, corresponden a unha carta que lle enviou a Xosé Luis Allué o 26-IX de 1957 (recollida no libro: Cartas a un mozo galego). Nesta carta apréciase a súa sensibilidade (está preocupado polo estado de ánimo de Novoneyra) e, por suposto, apréciase o seu amor por Galicia.
Foi a Galicia a quen lle dedicou Piñeiro toda a súa vida cunha capacidade de entrega moi difícil de comprender e que soamente se explica porque estamos diante dunha persoa cunhas cualidades humanas (intelixencia, empatía, sensibilidade, capacidade de sacrificio) realmente excepcionais. Déixovos, pois, con Ramón Piñeiro:

Querido José Luis:
Hai moito tempo que non teño novas do Novoneira. O feito de que che teña escrito a ti paréceme de bo agoiro, pois se se preocupa dos demais -inda que seña pra lles facer reproches- é sinal de que non está vencido pola preocupación de si mesmo. En cambio estiven unhas horas co Camilo en Sarria, que nestes días estará examinándose en Madrid.

Os teus plans de rematar a carreira e vires logo pra unha capital galega produxéronme unha enorme ilusión. Vai chegando o tempo de que os novos comecedes a poñer man nos problemas da nosa terra. O voso alento e a vosa enerxía espiritual tonificarán enormemente todo o organismo vital que é Galicia. Hai rapaces novos moi bos –esa é a miña máis grande esperanza- que saberedes darlle un avance decisivo á nosa gran empresa común.

Aí estaremos (¿va que si?), traballando (con ilusión, sempre con ilusión) por unha Galicia cada día máis dona de si.

0 comentários:

Enviar um comentário