Segunda-feira, 13 de Julho de 2009

Un ladrón que roubaba para salvar

Viunos dende a ventá. A xente corría. E el, sen saber cara a onde nin por que, tamén correu.
Non. En realidade sabía moi ben cara a onde se dirixía.
Baixou as escaleiras cunha bulsa feita de farrapos. Con esforzo deu avanzado por entre o barullo, por entre o desconcerto e o medo.
Chegou coma un sonámbulo ao número 15 da rúa do Vilar. Abriu a porta e comezou a amorear cousas e a metelas na bulsa. El era un ladrón que roubaba para salvar. Pero naquel momento non pensaba. Naquel momento non tiña tempo para pensar.
Fixo varias viaxes ata que conseguíu levar do número 15 da rúa do Vilar o que pensou que había que salvar.

El, Xesús Carro, o ladrón que roubaba para salvar, pensou que ese levantamento militar non era coma tantos outros. Neste estaban a pasar cousas terribles. Por iso fora ver ao xuíz . Había pouco que a imprenta fora precintada pola autoridade e o xuíz tiña a chave.
-O que hai aí dentro–dixéralle Xesús Carro, buscando un motivo que lograse convencer ao xuíz-, ten moito valor non só para min, senón para todos nós, para os católicos, para os que cremos en XesúsCristo: o Codice Calixtino.

A xente falaba nos cafés e nas rúas. Comentaban o que estaba a acontecer. Todos querían facer algo, pero non sabían o que. Ánxel Casal, o alcalde de Santiago, estaba en Madrid. Fora levar o Estatuto, aprobado en plebiscito unhas semanas atrás. E xusto neses momentos viña de camiño. Como aínda non chegara, o dirixente da Frente Popular fixo unha xuntanza no Concello. De seguida formouse un comité e alguén propuxo asaltar o cuartel do Hórreo. Camiño da praza do Obradoiro, Del Riego encontrara con Maside e nese momento ambos os dous estaban nesa xuntanza do Concello. Escoitaron, abraiados, a proposta de asaltar o cuartel. Dixeron que non tiña sentido, que era unha tolemia, insistiron en que aos militares éralles abondo con usar as metralladoras para abortar o asalto e facer unha auténtica escabechina. Aínda que tentaron convencelos, foi inútil. Mentres aquel fato de xente se dirixía ao cuartel, Del Riego e Maside marcharon para as súas casas.
Del Riego habíase acordar moitas veces daquel momento: a decisión de non participar no asalto salváralle a vida.

Cando Ánxel Casal chegou de Madrid, comentou que durante o traxecto a Compostela tiveran que pasar moitos controles postos polos militares sublevados. Dixo que o que estaba a acontecer era moi serio.
Mentres, naqueles primeiros días, na praza do Obradoiro amoreábase a xente. Algúns propoñían que repartisen armas. Os mineiros de Lousame querían tomar os centros de poder de Compostela. Ánxel Casal díxolles que fosen á Coruña para axudar aos que alí estaban resistindo. En realidade o que quería era que marchasen de Compostela para evitar unha traxedia aínda maior.
Os militares non tardaron en tomar o control da cidade. O comandante chamou a Ánxel Casal para lle dicir que o poder pasaba ás súas mans. Aseguroulle que non corría perigo ningún, pero el considerou que o mellor era marchar de Compostela e agardar, nun sitio tranquilo, a que as cousas volvesen ao seu.
Ninguén, naquel momento, sospeitaba ata onde había chegar o terror.

O día que prenderon a Ánxel Casal, el estaba na casa duns familiares en Melide. Uns falanxistas fórono buscar e levárono para o cárecere de Santiago. De alí (seguramente os mesmos falanxistas) sacárono varios días despois e asasinárono. Contan as testemuñas que Ánxel Casal se resistiu desesperadamente a saír do cárcere. Disque se agarrou coas mans aos barrotes para evitar que o levasen, pero os falanxistas bateron nelas ata que se tivo que soltar. No outro día apareceu en Cacheiras, preto de Santiago. Estaba nunha gabia. Morto.

Ánxel Casal, Camilo Díaz Baliño, Vítor Casas, Alexandre Bóveda ..., eles foron algúns dos moitos asasinados nos seguintes días.
Del Riego íase informando pola prensa e pola radio do que estaba a acontecer. Agochárase nunha casa e foi alí onde soubo da morte de moitos amigos. Entre eles, os que formaran o comité que decidira asaltar o cuartel. Todos estaban mortos. Para non derrubarse ante tanta morte e tanta crueldade, Del Riego tentaba mergullarse na lectura. Lía A montaña máxica, de Thomas Mann, buscando distraerse coa vida e os conflictos daquela xente, que vivían nun balneario, aillados da xente normal.
Intentaba non pensar na realidade, nas cousas que pasaran e no que estaba a pasar ao seu redor: a vida, a ilusión e o traballo de moitos anos tronzárase nuns poucos días.

O último exemplar da revista Nós, aínda sen encadernar, saíra clandestinamente da imprenta de Ánxel Casal, situada no número 15 da rúa do Vilar. Contiña unha homenaxe dos escritores galegos a Ánxel Casal, que tanto ben fixo polo libro galego. N’ O libro dos amigos, Otero Pedrayo cóntanos:
Unha vegada dixo Castelao, e foi en solene ocasión de tremaren fondamente dooridos os alicerces de unha esencial amizade:
-Casal por Galicia fixo máis do que todos nós.

Outro dos grandes fitos daqueles anos, o Seminario de Estudos Galegos, tamén finou os seus días. Os seus fondos foron parar ao Instituto Padre Sarmiento.
Nun artigo do día 2 de xaneiro de 1998 en La Voz de Galicia, Xesús Alonso Montero comenta a existencia dunha carta (datada no ano 1942) de Xesús Carro a Ben-Cho-Shey. Nesa carta dise que o último día do ano 41 o reitor da Universidade ordenara trasladar a biblioteca do Seminario para a Universidade. A biblioteca carrexouse nun carro conducido por un cabalo e tamén en cestas levadas por mulleres. Os libros, en moreas, todos misturados, ían caendo ao chan, sen coidado ningún. A xente, ao ver semellante espectáculo, quedaba pasmada e preguntaba que era iso. Os mozos porteiros respondían que era a biblioteca dos galeguistas.

No libro “Ánxel Casal e o libro galego", na páxina 381, dise:
“Xesús Carro camiñaba a pé polas rúas de Santiago detrás dos carros dos varrendeiros onde os levaban en moreas para a Universidade, apañando con agarimo de pai os tomos que caían ao chan”

En poucos días a morte, coa súa gadaña, acabou coa vida de moita xente. Os fascistas intentaron esmagar os proxectos e as ilusións, e para iso fixeron uso do terror.
Pero, afortunadamente, non puideron esmagalos de todo.
Porque quedou a semente, e esa semente non había tardar en volver agromar.

Sem comentários:

Enviar um comentário