¿Que lle ocurriu a Otero Pedrayo nos actos adicados á lembranza de Lamas Carvajal?
Encontrei esa pregunta no libro Un epistolario de Ramón Piñeiro, nunha carta datada en Lugo o 17 de novembro de 1949. Pero a resposta non estaba nese libro. Foi na biografía que Carlos Casares escribiu sobre Otero Pedrayo onde a encontrei, xustamente na páxina 177, onde di:
En novembro de 1949 cúmplense cen anos do nacemento de Valentín Lamas Carvajal e a cidade de Ourense disponse a rendirlle oficialmente homenaxe. Con tal motivo, o Concello programa un ciclo de conferencias, no que invita a participar a Otero, e a inauguración dun monumento ao popular poeta e periodista ourensán. O día 11 pola mañá celébrase un acto solemne no Teatro Avenida, ao que asisten as autoridades provinciais e locais baixo a presidencia do gobernador civil. Otero pronuncia o discurso da velada en castelán e del di que “a Lamas Carvajal no puede recordársele solo, hay que poner a su lado, formando el cortejo de los iluminados, a Nicomedes Pastor Díaz, a Pondal, a Rosalía, a Curros …”, segundo transcribe o diario local, que por razóns obvias omite na lista o nome de Castelao, que Otero incluira no cortexo citado. Ao gobernador non lle gusta a alusión ao exdeputado e político galego exiliado e hai algún momento de tensión, que non transcende apenas máis alá do círculo de persoas próximas a el.
Pedrayo sabía que citar a Castelao naquel acto era unha provocación. ¿Por que o fixo? ¿Había algunha razón especial? De novo, para atopar a resposta tiven que viaxar a outro libro. N’Os anos escuros, na páxina 50, Xosé Luis Franco Grande dinos:
Naturalmente, as súas referencias a Castelao [as de Ramón Otero Pedrayo] eran continuas. Pero don Ramón nunca nos facilitou datos moi concretos relativos á vida de Castelao. A súa referencia a Daniel era dun misticismo total. E este misticismo envolvía a conversa e non precisaba referirse a feito ningún. Non deixa de ser curiosa esta actitude de don Ramón, que por aqueles anos non pronunciaba unha soa conferencia na que non aludise a Castelao. Lembro que nunha ocasión, por estes anos, Méndez Ferrín dixérame, ao rexistrar este feito, que don Ramón fixera a promesa de que, sempre que interviñese nun acto público, falaría de Castelao. O certo é que así se producía sempre don Ramón, dicindo sempre que el non era máis que unha ponte entre Castelao e a nova mocidade.
O libro de Franco Grande é (en certa maneira) outra cara do prisma. Quero dicir que me permitiu achegarme a Ramón Piñeiro dende o punto de vista das vivencias dos rapaces que chegaban a Santiago por aqueles primeiros 50. Das cualidades de Otero Pedrayo que admiro (e son moitas) cítovos dúas: fidelidade (neste caso a Castelao, o irmán ausente) e valentía (porque Pedrayo era consciente de que citar a Castelao naquel contexto era unha provocación e podía ter consecuencias para el).
Carlos Casares continúa o relato do que pasou aquel 11 de novembro de 1949:
Pola tarde ten lugar a inauguración do grupo escultórico realizado por Failde no xardín do Posío. Presiden novamente as autoridades e entre os asistentes hai agora certa profusión de camisas azuis. Otero, pese a todo, fala en galego e pronuncia entre outras as seguintes palabras:
"Lamas amou este xardín como amou a língua galega, língua noble na que o rei Sabio cantou á Nosa Señora. Moitas cousas, aínda as máis sólidamente afincadas, pasan e desaparecen co tempo; pero a poesía galega vive e perdura ao traverso dos vates que lle diron valor universal á lírica da nosa terra".
O discurso en galego, a alusión ás cousas solidamente afincadas que pasan e desaparecen, engadidos ao incidente da mañá, provocaron a irritación de algúns dos elementos presentes. Cando as palabras de Otero chegaban ao final, o gobernador civil, visiblemente molesto, enviou un emisario ao director da banda de música para que interpretasen o “Cara al sol”. As autoridades e algunhas persoas ergueron ostentosamente o brazo, pero a actitude valente e digna de Otero, que escoitou o himno en silencio e cos brazos caídos, foi imitada pola maioría dos asistentes, que ao finalizar o rodearon e acompañaron hasta a súa casa da rúa da Paz.
De novo somos testemuñas da súa valentía, unha valentía que, na situación descrita (o ano 49 e en presencia das autoridades e dos falanxistas) destaca fondamente. Pero había algo que me chamou a atención … ¿Por que Pedrayo falou pola mañá en castelán e pola tarde en galego? ¿Había algunha razón? Foi (de novo) noutro libro (outra peza dun crebacabezas que eu ía construíndo pouco a pouco mentres lía a documentación) onde encontrei a resposta. En Oteriana, na páxina 71, Alonso Montero, referíndose ao que pasou ese día na homenaxe a Lamas Carvajal, dinos:
Nesa “crónica” [refírese Alonso Montero a un artigo que publicara anteriormente sobre Pedrayo] non maticei que don Ramón, no discurso da mañá, representaba, en ausencia do presidente, Manuel Casás, á Real Academia Galega, razón pola cal falou en castelán, daquela a língua interna e externa da Academia, especialmente nas intervencións do señor Casás … Xa publicado o meu artigo, Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda pon nas miñas mans un documento (en fotocopia) moi valioso para interpretar correctamente os dous discursos do 11 de novembro de 1949: unha carta de don Ramón a don manuel Casás, escrita dous días despois dos sucesos, na que lle explica o seu comportamento idiomático. Na carta acláralle que utilizou a língua galega só no discurso da tarde, discurso –precisa- no que xa non representaba á Academia, xa só se representaba –con tódalas consecuencias- a si mesmo.
Como puidestes comprobar no post de hoxe, foi a través de diferentes e variadas lecturas como fun encaixando as pezas para comprender mellor cousas da nosa historia que, penso, nunca deberiameos esquecer.
Detrás desa homenaxe a Lamas Carvajal aquel 11 de novembro, hai fidelidade a Castelao e hai, sobre todo, unha gran valentía para defender o noso idioma nunha situación tremendamente difícil.
Detrás desa homenaxe, detrás dese acto de valentía, está Ramón Otero Pedrayo, unha figura cunhas cualidades humanas realmente excepcionais.
La Señora Zombie es el Hada Madrina
Há 47 minutos
0 comentários:
Enviar um comentário