
Parada de Moreda, Courel, 19 de xaneiro de 1930 - Santiago de Compostela, outubro de 1999
Estes días teño no meu poder un libro interesante. Trátase dun libro de poemas galegos inéditos que é, ó meu ver, o máis interesante libro que se escribiu en galego nos tempos derradeiros. Non se asemella á poesía usual. Canto máis se le, máis bonito resulta. Gustarache moito pola súa extraordinaria sobriedade. Chámase Os eidos. O autor é o poeta Novoneyra. Recolle con maravillosa sinxeleza a vida e mais o ambiente do Caurel. Inantes de llo devolver, mandareicho a ti para que o coñezas. Tamén nel se utiliza o espléndido vocabulario do Caurel, que agora, con Fole e con Novoneyra, entrará de cheo na literatura galega. Este inclúe un “Glosario” de voces que é moi interesante.
Iso era o que lle dicía Ramón Piñeiro a Del Riego o 21 de marzo de 1953 (páxina 77 de Un epistolario de Ramón Piñeiro).
Nese epistolario hai máis referencias a Novoneyra, algunhas, cheas de dozura e encanto, coma esta, dunha carta datada en Compostela o 7 de xaneiro de 1954:
O Novoneyra ándalles lendo polas noites Os vellos non deben de namorarse ós paisanos do Caurel. Di que a quen máis impresiona é ás mozas novas e mais ás vellas. Mentres que elas fían, el vai lendo, pero chega un intre en que deixan de fiar e quedan emotivamente présas na lectura. Despois contan contos de pantasmas e aparecidos, que é o premio que recolle Novoneyra. Está encantado con Castelao, a quen non coñecía.
Cópiovos outra máis (dámos un salto ata o 30 de decembro de 1968) na que se fala dos comezos de Novoneyra na literatura infantil (e tamén do xurdimento da literatura infantil en galego):
O libro de Casares quedou marabillosamente ben. Comeza a xurdir unha literatura infantil en galego. ¡Cousa curiosa! Días pasados recibín uns poemas de Novoneyra e dime que ten escritos dez contos infantís. Como ves, semella que sonou a hora da nosa literatura para nenos.
Na documentación que lin para contar a vida de Ramón Piñeiro, encontreime con máis referencias a Novoneyra. Na páxina 84 de Os anos escuros, Xosé Luis Franco Grande fálanos dun ciclo de conferencias que decidiron organizar os rapaces que pasaban pola mesa de braseiro de Xelmírez 15, 4º. Foi no inverno de 1957 e o título dese ciblo foi “Homenaje a la poesía gallega”, e a finalidade era poñer de manifesto que había unha poesía galega que se iniciaba nos tempos medievais e que chegaba aos xoves poetas das Festas Minervais [unhas festas nas que se premiaban obras literarias e que daquela se celebraban na Universidade de Santiago].
Foi Novoneyra quen abriu ese ciclo de conferencias, e abriuno con estas palabras:
“Miñas donas e meus señores”
Como nos conta Franco Grande (na páxina 87 de Os anos escuros):
Nin nós mesmos podiamos concibir que se puidese falar galego en público. Río Barja e mais eu encollémonos nos nosos asentos. Aquilo era unha bomba. Pero a forte personalidade de Novoneyra dominou o ambiente. Recitou con mestría os poetas dos Cancioneiros, dicía os seus poemas como se fosen propios, tanto que os poemas de Torneol ou de Bernal de Bonaval semellaban dos nosos días e, en poucos minutos, aceptabamos como natural o seu parladoiro galego. Isto ocorría o día 22 de febreiro de 1957.
(Esta é a pequena homenaxe que lle quería facer a Uxío Novoneyra, ao que se lle dedica o día das Letras do vindeiro ano. Novoneyra demostrou valentía e compromiso, e sobre todo demostrou un grande amor por Galicia e por esta enorme riqueza que é o noso idioma.
Mañá heivos falar dunha persoa que tamén ten unhas cualidades excepcionais, realmente excepcionais: Ramón Otero Pedrayo).
Dicía Ramón Piñeiro: "Novoneyra ándalles lendo polas noites (...)Di que a quen máis impresiona é ás mozas novas e máis ás vellas. Mentres que elas fían, el vai lendo...". Fermosa imaxe a que acabo de imaxinar grazas a ti, Daniel. Isto lembroume que a vindeira semana presentaremos oficialmente as demostracións de oficios tradicionais que organizo -xunto co Concello de Lugo- e se van celebrar durante o verán en Lugo. Un dos días estará dedicado a recrear un fiadeiro. E se cadra, acabas de darme a idea, collo e mesmo me atrevo a ler un anaco de "Os Vellos non deben de namorarse", de Castelao. A ver se consigo interromper tamén ás fiadeiras!
ResponderEliminarA min esa imaxe tamén me gustou moito porque imaxino a fascinación que tivo que producir naquelas vellas e naquelas rapazas a lectura desa obra de Castelao, que conseguiu trasladalas a un mundo que era descoñecido para elas.
ResponderEliminarNoraboa pola presentación que ides facer dos oficios tradicionais. Tristemente, ademais dos oficios en si, tamén se está a perder a 'oralidade' asociada a eles. Na sociedade actual, a diferencia doutros tempos, somos máis espectadores ca actores. Antes a xente sabía moitos contos (e contábanos, p. ex. nas fiadas, que miña hai inda recorda, pero hai moito que desapareceron) e tamén moitos cantares (que cantaban cando ían ao río, ou á terra, ou, p. ex. no Grove, mentres traballaban nas fábricas de conserva).
Paréceme moi boa idea o de lles ler ás fiadeiras un anaco de "Os vellos non deben de namorarse". ¡E a ver se despois elas se animan e che regalan con algún conto (p. ex., un de lobos, deses que fan estarrecer)!
Que boa idea a demostración de oficios tradicionais! Haberá que ir a Lugo para vela e gozala.Estes días, en Ourense, tamén está actuando o Concello de Lugo, pero en algo menos tradicional: o turismo. Porén, tamén haberá que ir por alí, pola praza maior, para coñecer o turismo lugués.
ResponderEliminarSi, unha idea fabulosa. ¡Xa me gustaría estar estes días en Lugo e poder ver esa demostración de oficios tradicionais!
ResponderEliminarA ver se Carlos nos conta que tal foi e se as fiadeiras quedaron présas escoitando "Os vellos non deben de namorarse"; e se non puido ser este ano, espero que o poida facer para o ano que vén.
A Ourense hei ir dentro de pouquiño; é unha cidade moi fermosa e que xa sinto como miña.