Amigo Víctor,
Levo en Madrid dende o día 8 e xa hai tempo che pensaba escribir, pero á final voume enleando e enleando ...
O primeiro, darche as grazas por todo. Pasei un estupendo día en Ourense que sempre hei lembrar (e que espero repetir). A documentación que me diches xa sabes que para min é moi importante e que a hei gardar con todo o cariño. As que para min teñen un maior valor simbólico son as de Leuter (que sei que era un dos que ían as tertulias con Risco, creo que no Miño), a do pai de Ben-cho-shey e a de Otero Pedrayo. A do pai de Ben-cho-shey púxena a carón do fillo (no medio dunha biografía que teño de Ben-cho-shey, que lle fixo Xesús Alonso Montero. Teño que confesar que esa biografía de Ben-cho-shey 'sóubome a pouco', para min é unha pena que non conte máis cousas sobre a súa vida). A que máis me gustou e, en certo sentido, me emociona, é a de Otero Pedrayo, porque el é para min unha das persoas que máis admiro.
Lin o conto que me pasaches ('O voo da anduriña'). Está ben, aínda que a min non me soen gustar moito os contos 'con enigma' dende o principio pois neses casos dáme a impresión de que 'a construción' da historia ten máis importancia que a propia historia (esta é, evidentemente, unha impresión miña). No teu libro Escritos en do menor hai moitas historias que consiguen chegarme moi adentro (que para min son unha especie de contos ou de 'bocetos de contos').
Merquei o libro (con DVD) sobre os Carrilanos, e xa vin que saes con Manolo Deus. É un documental moi bo, gustoume moito.
O outro día merquei a biografía que fixo Otero Pedrayo sobre Cuevillas. Aparece unha foto da casa de Cuevillas, e, polo que comenta no pé da foto, a casa debe ser, das dúas que me indicaras, a que está á esquerda (a que é máis estreita). Tamén merquei unha escolma con artigos de Cuevillas. Gocei moito dos seus artigos: polo que conta, por como o conta, e polo seu riquísimo vocabulario.
Respecto á novela (sobre o galeguismo na posguerra), agora mesmo estou a deixar que toda a información que teño vaia pousando. O que si me dei conta é que ese é un fío do que tiras ... e tiras ... e non acaba. Iso é algo bo, pois un aprende moitas cousas interesantes e enriquecedoras, pero, no que respecta a escribir unha novela, penso que é perigoso pois pode levar á dispersión e a que a cousa non dea rematado. Así que vou deixar un tempiño (non moito) para que a cousa, 'os fíos', vaian 'recompoñéndose', de maneira que queden os que consigan 'transmitir' máis ao lector.
Coméntoche un exempliño dos moitos fíos/relacións que van 'nacendo' e que se van cruzando. Cando lle botei unha ollada ao número especial da RAG (o que me diches o outro día) que fala da visita de Niceto Alcalá-Zamora á Coruña para a inauguración do momumento a Curros, eu, nese momento, era a primeira noticia que tiña sobre o tema (sobre esa inauguración). Un pouco despois comecei a reler a biografía de Carlos Casares sobre Otero Pedrayo. Esa biografía ten unha introdución de Marino Dónega e, nesa introdución, Dónega comenta que coñeceu a Otero Pedrayo xustamente na inauguración dese monumento a Curros Enríquez. Este 'fío' non é ninguna historia en si, pero o que me chama a atención é que me vou enterando dalgunhas cousas (como a inauguración) por diferentes camiños (e case simultáneos): un, o número da RAG que de diches ti; e o outro, a introdución a esa biografía de Otero Pedrayo.
Déixote por hoxe, Víctor. Recordo que a operación de cataratas tíñala o día 11. Espero que todo fose moi ben e que xa esteas ben de todo e con moitas enerxías para gozar de 'Auria'.
Unha forte aperta,
Daniel
La Señora Zombie es el Hada Madrina
Há 46 minutos
0 comentários:
Enviar um comentário