Quinta-feira, 23 de Julho de 2009

A lareira apagada

Chegou co seu netiño buscando o acougo do meu banco á sombra do tilo aromático. O neto de seguida se perdeu polos recunchos do xardín, na súa bici, entre o rechouchío dos paxaros e o atordoado rebumbio da rapazallada. Sentouse con dificultade, ladeou a boina e miroume de esguello. Tiña ganas de falar, notábaselle, pero non se atrevía. Mais axiña se destapou a pracer cando eu o provoquei.

"¿Que como me chamo? Eu chámome Paco e sonlle de Celavente, ó pé das últimas serras da Ramalla, alá nas terras do Bolo. ¿Que por que me vin de alí? Non polo meu gusto, señor. Vin chamado pola voz do meu sangue. O sangue turra moito, dígollo eu. Miña filla casou aquí, na cidade, e vinme con ela Porque dígame vostede que facía eu, vello e soíño, alá naquela casa deshabitada, xa sen a compaña da miña xente, xa sen ninguén dos meus. Aquilo era un inferno de lembranzas, señor. As lembranzas son unha manda de corvos roéndonos os adentros. Agora vivo aquí, coa miña filla, e coido do meu netiño. ¿Que se me afago? ¡Non, señor, non! ¡Nunca! Estou aquí mal que me pese. O sangue turra moito, é certo, pero a terra tamén chama por nós desde as súas raíces máis fondas. A terra sempre chama por nós a berros. Eu ás veces teño que tapar os oídos para non escoitar desde aquí a chamada a berros do meu Celavente".

Miroume desde unha infinita lonxanía. Tiña toda a quentura da súa infancia labrega derramada nos ollos. Proseguiu:

"Eu nacín e crieime nunha aldea, ó pé do lume da lareira. ¿Vostede sabe como se fai alí a bica? Contareillo se non lle importa, que me parece que contándollo regreso de novo a aqueles tempos. Escoite e verá. Primeiro amásase a fariña na artesa, a xeito de bolo redondiño. Límpase a pedra cunha xesta e colócase alí o bolo, envolvido en follas de figueira, de cepa ou de verdura. Logo cóbrese de brasas mesturadas con borralla para manter a calor. De alí a pouco xa está feita a bica, que nós lle chamamos "bolo do lume", coa súa codia amarela, co seu miolo amolecido e con sabor a gloria bendita, a pura gloria do ceo. Partímola en cuarteiróns e esmigallámola no leite. Mesmiño arestora, rememorando o seu feitío, parece que aínda estou a gorentar no padal o seu alamio".

Aparece o neto, montado na súa bici, conseguindo do avó a merenda: "Abuelo, tengo hambre". O home saca un "donuts" do fardel de plástico e dállo á criatura. Desacóugase no banco mirando para o rapaz, que xa se perde, alleo e feliz, polos recunchos do xardín. "Mire que merenda, Santo Deus, pura porcallada. Aínda por riba fálame en castelán, a min que son o seu avó e que nacín en Celavente. Que mesmo non parece neto meu, que parece feito de encargo alá nas terras dos maragatos. O meu mundo verdadeiro, señor, acábase no mundo da miña filla".

Saca do bulso do chaleco o seu reloxo de cadea e mira a hora. "Téñome que ir. A miña filla chega agora do traballo e quero estar con ela. Volvo por aquí outro día e falareille, coa súa venia, dos encantos, da serpe chuchona, do pote das papas, da cañota de Nadal, do meigallo, do enganido, do aire do sapo ou da maneira de se trocar de home en trasno. Vostede é dos meus, señor. Noteillo a través da conversa. Ou moito me equivoco ou vostede tamén naceu e se criou coma min nalgunha aldea, ó pé do lume da lareira".

Ergueuse do banco e foise ranqueando -a boina ladeada, as pernas coma aixadas- cara ó piso da súa filla. O neto, na bici, diante del.

(Este artigo, publicado en "La Región" o 27-IX-1995, está recompilado no libro: Escritos en do menor. Copiéivolo hoxe aquí porque penso que a mellor maneira de coñecer a Víctor Campio é a través da súa propia voz.
Aínda que sobre Víctor falo na segunda parte da novela, para ter unha visión máis completa nada mellor que as súas palabras, que nos permiten comprobar o bo contador de historias que é, a mestría con que consigue evocar as situacións, e que ademais mostran algo moi importante nun escritor: a súa sensibilidade).

2 comentários:

  1. Que fermosura, moito gocei lendo este texto. Agora só me queda que facer a bica. Moito hai por sacar do bulso do chaleco!

    ResponderEliminar
  2. Si, é unha fermosura de artigo. Gústame moito como Paco de Celavente volve ao seu mundo a través dos sabores da nenez e tamén a través das tradicións, dos contos e as lendas, que forman, xunto cos oficios antigos que andas a amosar estes días en Lugo, unha parte importante da nosa riqueza cultural.
    Agora estou no Grove de vacacións (aínda que moi centrado no estudo fraseolóxico que vos comentei aí atrás) pero cando volva a Madrid hei seguir engandindo entradas no blog. Grazas polo comentario.

    ResponderEliminar