Quinta-feira, 16 de Julho de 2009

Da esencia da verdade

Temos o proxecto de traducir un texto filosófico ao galego para aniquilar dunha vez a tese insidiosa de Dámaso e outros, según o cal o galego só sirve para facer poesías ou para lles falar aos labregos, pero é inepto para facer ciencia ou filosofía.
Pensamos escoller un texto de Heidegger, por ser o filósofo de máis renome universal nestes tempos, e para darlle máis valor escollemos un traballo que non está traducido ao castelán e xestionamos, do propio Heidegger, un prólogo especial para a tradución galega.
Xa comprendes fácilmente que este plan responde a unha imprescindible e inapreciable “política da língua” que debemos levar a cabo con rigor. O noso intermediario é Domingo Carballo, amigo persoal de Heidegger, e que sería un dos firmantes da tradución.

A carta anterior está extraída de: Un epistolario de Ramón Piñeiro, en concreto das páxinas 36-37, e foi enviada dende Lugo o 15 de febreiro 1950. Son os inicios dunha estratexia.

Neste post fixen referencia á intelixencia coa que actuou Ramón Piñeiro. Digo intelixencia porque cos mínimos recursos dispoñibles, tratábase de obter o maior resultado posible.
¿Que cal era o obxectivo? Prestixiar o galego, demostrar que era unha língua de alta cultura, na que se podían expresar mesmos os máis entrambilicados pensamentos filosóficos.
Pouco a pouco o proxecto foi avanzando. Piñeiro mostrábase entusiasmado. Un ano máis tarde, o 16 de maio do 51, nunha carta enviada dende Santiago, dille a Del Riego:

Gran cousa é o de Heidegger.Vai resultar sensacional nos medios filosóficos, pois todos saben moi ben a súa resistencia a autorizar traducións. Neste caso, ademais, dálle moito máis valor o feito de que escriba algo para a nosa edición.

E xa, por fin, o 14 de febreiro de 1952, dende Lugo, dá a tan esperada noticia:

Aínda non marchei para Santiago. Aproveitei a ocasión de coincidir aquí co Celestino para lle dar remate á obra de Heidegger. Xa está traducida.

Xa o conseguiran. Despois de moitos esforzos, despois de moitas horas de traballo, tiñan diante deles o resultado. Por fin.
Pero a cousa (como veredes) non foi fácil.

O 7 de novembro de 1952, tamén dende Santiago, Ramón Piñeiro di:

Onte certificámosche os tres exemplares da obra de Heidegger. Está tan aquilatada que supoño que será ben difícil facela máis fiel. Eu estou ledo, pois penso que se Heidegger pode falar en galego (que vén ser coma se falase Kant ou cousa así), xa non haberá motivos para que os da escola castelá-pontevedresa sigan dicindo que se trata dunha língua de labregos.

Pero (como vos dixen) a cousa non foi fácil. O certo é que neses momentos nada era fácil. Os atrancos eran constantes. E para enfrontarse a eles facía falta moita fortaleza e moita temosía. E manter viva a ilusión, un alimento fundamental.

Comprender o pasado é algo moi difícil, tremendamente difícil. Dígoo porque tendemos a analizalo dende a perspectiva actual. E non podemos. Non debemos.
Dende a visión de hoxe cústanos, polo menos, comprender estas dúas cousas:

1. Que traducir un libro de filosofía puidese ter tanta trascendencia para o prestixio do galego.
Este punto, en certo sentido, quedou clarexado a partir do que se di na propia carta que encabeza este post: que naqueles tempos había moitos intelectuales, entre eles Dámaso Alonso, que afirmaban que o galego non valía como vehículo de cultura (non sendo para a poesía). En outras palabras: que non se podían escribir ensaios ou estudos científicos en galego (¿A que vos sorprende que un intelectual da talla de Dámaso Alonso afirmase tal cousa? A min, confésoo, déixame pampo. Pero si, pasou). E da mesma maneira que vos sorprende isto, tamén vos había sorprender a situación de desprestixio do galego naqueles tempos. Enorme. Como enorme foi o esforzo que tiveron que facer os galeguistas para superar esa situación.

2. De seguro que tamén vos ha custar comprender dende a perspectiva de hoxe que o Réxime dictatorial de Franco puidese poñer atrancos á tradución dese libro de Heidegger.
Ben. Certamente podería haber razóns. Quero dicir que podería tratarse dun libro 'subversivo'. Pero non foi o caso. Basta ler o informe que fixo o censor o 1 de decembro de 1952 (tomo este dato, e algún outro máis sobre o tema, do artigo: Ramón Piñeiro e a prohibición de traducir ao galego, de Xosé Manuel Dasilva, de en GRIAL 179). Velaquí tedes a opinión do censor:

“Es una conferencia de Heidegger sobre la esencia de la verdad, traducida al gallego, con introducción de los traductores … El lector opina que no hay inconveniente en autorizar su publicación”.

Segundo ese informe, o proceso para a publicación do libro podía seguir adiante.
Sen embargo, ese mesmo día unha autoridade superior denegou a autorización. ¿Por que?
Pois porque naqueles momentos, mesmo a tradución dun libro de filosofía coma ese era ‘perigoso’. Porque o obxectivo desa tradución (algo que o Réxime non ignoraba) era darlle ao galego un status de língua de cultura, con esa tradución o noso idioma adquiría un status que non lles agradaba.

Fortaleza e teimosía. Eses eran dous valores fundamentais para superar os atrancos. Seguir adiante. Non rendirse. Buscar novos camiños.

Un deses camiños foi a VIII Conferencia Xeral da UNESCO, celebrada no Uruguai en 1954, os galeguistas (coa axuda das colectividades galegas) aproveitaron para denunciar a situación de persecución do galego. E esa estratexia, segundo conta Alonso Montero no libro A batalla de Montevideo, tivo como consecuencia, entre outras medidas aperturistas, que se permitise a publicación de Da esencia da verdade.
A licencia, por fin, foi concedida o día 7 de decembro de 1955, aparecendo a tradución nas librerías nos primeiros meses de 1956.

Antes comentaba o difícil que é intentar comprender o pasado dende a perspectiva actual, dende as nosas propias visións e vivencias. Esta dificultade para comprender cal era a situación durante a posguerra (no caso que estamos a tratar: durante os anos 50) ten (entre outras) unha consecuencia perversa: que non nos permite apreciar o enorme esforzo da xente que viviu nesa situación e que con teimosía e xenerosidade conseguiron que o noso idioma acadase un status de língua de cultura, un status do que hoxe (afortunadamente) gozamos.

Beizóns pois para Ramón Piñeiro, para Celestino Fernández de la Vega, para Del Riego, para Ben-cho-shey, para eles e para todos os que traballaron nese labor recobrador, polo seu esforzo, pola súa xenerosidade, pola súa valentía.

Por tantas e tantas cousas.

2 comentários:

  1. Chegaba con facer ese pensamento para comprender a dimensión intelectual doutro lancarao coma min. Pero é que ademais soubo e puido -en plena ditadura- desenvolver a labor que fixo por e para o idioma e a cultura galega. Non entendo como a día de hoxe aínda hai quen o descualifica ou se dedica a escribir artigos na prensa para desprestixiar unha figura que todos deberiamos aplaudir e converter nun referente para todos. Xa non o repetirei máis.

    ResponderEliminar
  2. Unha parte do nacionalismo (inspirado nas revolucións de Cuba, Alxeria, etc.) tomou a Ramón Piñeiro como cabeza de turco, como 'peza a bater'. Cousas da mocidade e de xente con pouca cachola. Xente que, para poder 'afirmarse', precisaban destruír a Ramón Piñeiro (a persoa que, xunto con Castelao, máis traballou, e máis avances conseguiu, para que Galicia poida ter un sitio na Historia).

    O malo é que seguen coa mesma. ¿Que por que o fan? Pois supoño que por dúas razóns: 1.Para non responsabilizarse dos seus fracasos. 2.Porque para 'afirmarse' necesitan (seguen necesitando) destruír a Ramón Piñeiro.
    En fin. A cousa é ben triste.

    ResponderEliminar