Quarta-feira, 15 de Julho de 2009

Contade todo isto

Moitas veces intentei imaxinalo. Un rapaz no Ourense de finais dos anos 40 ou primeiros do 50. É novo. Está descrubrindo o mundo, intentando aprender. Faise preguntas.

A rúa na que vive é estreita, a casa de enfronte está moi preto. El é observador. Ás veces gústalle apoiarse no peitoril da ventá. Mira para a xente que pasa pola rúa. Tamén repara nos veciños. Son pobres. El sabe que apenas teñen para comer. Pero un día acontece algo que non comprende. A mesa está posta como se fose para unha festa (unha festa naqueles tempos de tanta miseria, unha festa nunha casa pobre), con mantel e con pan de Cea e viño e ...
¿Pero por que? ¿Que está a pasar?
El non repara no día que é: o 14 de abril. De feito, nin sequera sabe que ese día puidese ter unha trascendencia especial para algunha xente.
Pero aí, xustamente nese detalle (nesa data), está a clave.

Re: II república e guerra civil
Data: 19-08-05 23:44
Interesoume a túa mensaxe. Moitas das cousas que contas, eu pódoas constatar porque as vivín. Non necesito ir ós papeis (ós documentos), abóndame coa miña partida de nacemento. Nacín no 28. Vin moitas cousas.

Axudar a que non se perdan anacos de vida que nos din moito sobre a condición humana, sobre o que somos e sobre o que podemos chegar a ser. Sobre actitudes. Sobre valores como a dignidade a a valentía.
Loitar coas palabras contra algúns dos efectos do paso do tempo (contra o esquecemento) é unha das cousas máis bonitas de escribir.
Actuar de testemuña. Ser un intermediario.

Re: II república e guerra civil
Data: 20-08-05 10:42
Sigo entusiasmado coas túas intervencións. A referencia ó teu avó emocionoume, porque me devolveu ós meus tempos de rapaz, cando presenciei cousas moi semellantes ás que presenciou teu avó. Alédome moito de que haxa rapazas novas que se preocupen por aquela época histórica, para que a verdade quede no seu sitio e luza por enriba da "longa noite de pedra".
Un republicano que estivo condenado a morte e logo coa pena conmutada por moitos anos de cárcere e perseguido tódolos domingos por un falanxista que lle metía propaganda "roxa" no peto e que logo o levaba á comisaría para ser mallado por el mesmo e polos policías, un día díxome: "Vós sodes a esperanza de España. Contade todo isto".
Vivía fronte á miña casa, nunha rúa estreita, e eu vía desde a miña fiestra como tódolos anos, polo aniversario da República, a súa muller, sacando os cartos de non sei onde, facía un xantar especial, con mantel limpo, carne, viño e postre.

A miña contribución foi pouca cousa. Limiteime a contar o que Victor Campio me contou, facer que as súas palabras fosen tamén as miñas palabras. Foi el quen viviu eses momentos dende unha mirada chea de sensibilidade e desexosa de xustiza.
Pero (se mo permitides) déixovos coas súas palabras, descorrámo-lo pano, regalemos ben os ollos, amañémonos ben nos asentos. Escoitemos.

Re: II república e guerra civil
Data: 20-08-05 16:29
Precisamente o meu interese polas túas intervencións procede daquela anécdota do republicano e doutros casos semellantes vistos por min. E como eu nin me adiquei á historia nin á política, nunca os puiden contar publicamente, senón só entre os amigos da miña xeración, sen ningún valor testemuñal, únicamente como tristes recordos de vellos para matar o tempo nun parque, tomando o sol, ou nunha tertulia.
Entendo que ti celebres a festa do 14 de abril. Eu tamén a celebro, incluso nunha cea de moita xente (custa o cuberto perto de cinco mil pesetes das do meu tempo) con conferencia e con homenaxe a algún republicano máis ou menos famoso. Pero celebrar un xantar entre un home e uhna muller nas postrimerías dos anos cincuenta, contra vento e marea, en tempos de terror, no medio dun deserto político, cando todo parecía perdido para sempre, eles soíños contra toda a sociedade..... Celebralo así, na súa casiña, sen moito que botar á boca a diario, maltratado polos falanxistas e pola policía, sabendo o risco que corrían...
Un día (e xa acabo) o falanxista en vez de o levar á comisaría coma sempre, levouno rúa arriba cara o cimeterio. Entón el volveuse e preguntoulle ó falanxista: "Vostede a onde me leva?". "Cale e siga", díxolle o falanxista. Entón el, que ía esposado, pegoulle coas esposas un golpe na boca ó falanxista e botouse a correr facendo eses, para non ser alcanzado por unha bala, cara a propia comisaría. Alí explicoulle ós policías o que pasara e despois de recibir a correspondente paliza, mandárono de novo para a súa casa. Saúde e República.

Non quixen cambiar moito esas palabras (posiblemente tampouco non sabería). ¿Como melloralas conservando a forza que hai dentro delas?
De maneira que deixei que as miñas palabras fosen (apenas) o eco dunha voz. Un eco que nos enche de enerxía porque (é importante recordalo) a valentía e a dignidade son un alimento moi necesario. Sempre.

Re: II república e guerra civil
Data: 22-08-05 18:00

Contarei algún dato máis sobre aquel republicano perseguido por un falanxista, aquel que dixo: "Sodes a nosa esperanza. Contade todo isto".
Agora non me lembro do seu nome, pero pódese buscar nunha revista titulada ATEO (Asociación de los trabajadores de la Enseñanza de Ourense), que se publicaba na República (eu conservo algúns números soltos) e que era composta por mestres e mestras que logo, cando chegou o que chegou, foron todos depurados e represaliados. Alí, nesa revista, eu vin hai xa moitos anos algunha referencia sobre el. Tamén sei que escribía (antes da guerra, claro) artigos e que os firmaba co seudónimo de Romakof. Era (antes da guerra tamén, claro, despois foi presidiario) funcionario da Delegación de Enseñanza Primaria en Ourense. Dous ou tres días antes de morrer, a súa dona chamounos para que o axudásemos a baixar desde o seu piso a un taxi, pois tiña que o levar a un sanatorio para facerlle unhas radiografías (entón non había as facilidades que hai hoxendía). Fomos tres irmáns e sobrabamos dous. Non pesaba nada, podíase coller no colo coma un meniño. Cando o metemos no taxi, antes de nos dar as grazas e se despedir de nós, aínda tivo humor para nos dicir sorrindo: "Paréceme que xa estou moi ben, porque saio da casa a pasear". Que moral e que ánimo. Ós dous outres días, xa digo, morreu. Ninguén se enterou. Eu daquela tería dezaseis ou dezatete anos.

E por fin cheguei (chegamos) ao final do que se contou nese foro de Vieiros sobre ese republicano, unha información que Víctor Campio me relatou despois en varias ocasións e que deixou tamén reflexada nun artigo n'A Trabe de Ouro.

Contar o que me contaron. Ser un intermediario. Unha testemuña. Loitar (unha das cousas máis bonitas de escribir) contra os efectos do paso do tempo mediante a forza das palabras . Contade todo isto.

0 comentários:

Enviar um comentário