Esa información, que encontrei na páxina 46 do libro: Santiago piedra a piedra, chamoume a atención e 'impulsoume' a saber algo máis.
Esa foi a razón de que que o día 22 de xaneiro de 2007 eu enviase, ao enderezo do museo da Catedral, a seguinte mensaxe:
Bos días: Gustariame obter unha información sobre as antigas campás da Torre Berenguela, non sei se vostedes me poden axudar ou se me poden indicar alguén que me poida axudar.
Polo que lin, foi no ano 1989 cando se fundiron as dúas novas campás para a Torre da Berenguela, campás que foron colocadas en febreiro do ano 1990.
A miña pregunta é: ¿cando deixaron de funcionar as campás que había antes? (e que agora están no museo da Catedral)
¿Que por que o fixen? ¿Que por que quería saber cando deixaran de funcionar?
Os símbolos. Esa é a razón.
Naqueles momentos eu (entre outros 'camiños' para a novela) andaba a buscar símbolos que tivesen forza, que fosen unha especie de metáfora que me permitise describir unha vida, ou unha etapa dunha vida, ou unha relación de amizade ou ...
Na década dos cincuenta había en Santiago unha figura que brillaba con especial intensidade: a de Otero Pedrayo. E tamén estaba Ramón Piñeiro, que daquela era moito menos coñecido.
Dous días despois recibín a resposta:
Estimado señor:
Por el estado de conservación que presentaban, el 7 de septiembre de 1976 se tomó la decisión de parar el reloj. Así estuvo hasta que, tras un largo proceso, se colocaron las nuevas campanas del reloj y este volvió a dar las horas.
Esa información cadraba co que eu pensaba ... En principio podería valer ... Pero ¿que sabía eu das campás da Berenguela? En realidade, moi pouco. De maneira que seguín a buscar información. En Paseando por Santiago, de Xosé Luis Laredo, na páxina 51, di:
A torre do Reloxo, ou torre Berenguela foise erguendo a través de sucesivos engadidos ao longo dos séculos. Sobre unha base románica, que vemos xunto á porta das Praterías, mandou levantar o arcebispo Berenguel de Landoira –de aí o nome popular da torre-, no século XIV, o corpo principal da torre, que culminaría coa parte superior realizada por Domingo de Andrade en 1680, logo de acadar os 72 metros de altura. O primeiro reloxo foi colocado en 1522. En 1831 colocouse outro construído en Ferrol, que foi reparado en 1989. A campá de dous metros e medio de diámetro estaba considerada como unha das mellores do mundo, pero perdeu o seu son orixinal. Foi descolocada e trasladada ao Museo Catedralicio. Fora fundida en 1729 por Pedro de Güesmes. O 21 de decembro de 1989 fundíronse as novas campás en Asten (Holanda). A que dá as horas chámase “Xesús, Xosé e María”, e a que dá os cuartos a “Santa Bárbara”.
De maneira que, segundo a información da que dispuña e a que me mandaran dende o museo da Catedral, as campás deixaron de soar 5 meses despois de que morrese Ramón Pedrayo e volvéronse escoitar 6 meses antes de que morrese Ramón Piñeiro. Esa era a imaxe, o símbolo que eu quería utilizar: esa estraña coincidencia, esa curiosa case-simetría nas dúas datas.
¿Por que utilizar un símbolo?
Pois porque introduce outro nivel de lectura e porque permite que nos acheguemos ao que se conta dende outro ángulo: dende a irracionalidade, dende o misterio, dende a vida considerada como un crebacabezas do que intentamos, tamén coa axuda dos símbolos, encaixar as pezas.
Pero (estas son cousas que pasan cando un busca camiños, que é o que se fai cando un escribe) algún tempo máis tarde descubrín, despois de lle dar unhas cantas voltas ao tema, que esa imaxe-símbolo non me valía. Non sei explicar ben a razón. Se cadra porque ese símbolo das campás da Torre Berenguela non tiña forza abondo para o que eu quería contar. Se cadra porque non encaixaba ben na historia.
En todo caso, ao final os símbolos apareceron. Efectivamente, estaban aí, axexando detrás das páxinas do libro Da miña acordanza. No primeiro capítulo, na pax. 15, Ramón Piñeiro dinos:
Así, a primeira raiola que alumou a miña memoria quedou fixada na seguinte escena: nun recanto da cociña, miña nai fixo un recinto pechado de forma triangular con dous asentos longos apoiados por un extremo na parede e por outro unidos en ángulo, e dentro dese recinto meteume a min. Non lembro a operación de colocar os bancos nin a de me encerrar a min. O que lembro con viveza é o feito de estar dentro do recinto triangular e de percorrer moitas veces o longo dos dous bancos apoiando as mans neles; e teño a lembranza de que ese percorrido, que fixen moitas veces, faríao bastante á présa. ... A imaxe que teño –a primeira que ficou na miña memoria- é a de percorrer repetidamente e de présa os bordos internos dos bancos apoiando as mans nas táboas do asento. Unha lembranza illada.
Ben. Aínda que non o di explícitamente, é fácil deducir que quería saír. De maneira que velaí o tedes: o primeiro recordo, Ramón Piñeiro fechado nun recinto e correndo dun lado para o outro intentando encontrar unha saída.
Encontrar unha saída.
Esas tres palabras ... ¿poderían, se cadra, resumir unha actitude vital? (Neste caso en concreto: buscar unha saída para Galicia)
E tamén me chamou moito a atención este recordo:
Outra lembranza infantil que conservo é a de estar no carreiro da horta unha mañá de sol mentres miña nai lavaba a roupa na pía a carón do pozo. Eu era pequerrechiño e por iso me tiña preto dela. Púxome un gorro de tea para me protexer do sol. Lembro con moita viveza a sensación de alegría que me producía andar polo carreiro, debaixo das mazairas, pasando do sol á sombra e da sombra ao sol. Debeu ser a primeira vez que chegou á miña conciencia un sentimento de gozo asociado á luminosidade do sol, á sombra das mazairas e á sensación de andar.
Nesta frase chamáronme a atención dúas cousas. 1. Que fala de sentimentos (alegría). 2. Que asocia ese sentimento a ir do sol á sombra e da sombra ao sol.
A sombra ... poderían ser todas esas cousas que nos fan perder pé, tambalearnos, todos eses momentos en que nos deixamos arrastrar polo medo e a sensación de derrota.
E o sol ... poderían ser todas esas cousas que nos fan sentirnos donos do noso destino, protagonistas das nosas vidas, con poder para cambiar e mellorar aspectos que non nos gustan, aínda que para conseguilo sexa necesario actuar con teimosía e con moita paciencia, aínda que se dea a circunstancia de que teñamos que empezar unha e outra vez.
Pasar do sol á sombra e da sombra ao sol ... ¿Poderían esas palabras resumir unha actitude vital? ¿Poderían ser unha especie de símbolo que nos 'resumise' unha vida?
Eu, despois de ler moito sobre Ramón Piñeiro, estou convencido de que, efectivamente, a súa actitude vital foi esa: comezar unha e outra vez, non desistir, non rendirse, seguir sempre cara adiante, buscando camiños posibles, porque se un busca, porque se un non desiste, mesmo se se encontra en medio da máis abafante das escuridades, sempre (sempre) hai unha fenda pola que nos chega a luz.
E a esperanza.
E o futuro.
0 comentários:
Enviar um comentário