
Semella talmente unha princesa de romance mourisco. Posúe tamén o engado feiticeiro dunha raíña moura encantada entre as fendas dun penedo, peiteando os seus longos cabelos cun peite de ouro. Eu xa vira esa cara exótica, esa expresión misteriosa, non sei ben cando nin onde. Tal vez foi na miña infancia, debaixo das augas batuxadas dalgunha fontaíña máxica na miña aldea de Garabás.
Chámase Agaila e, cando sorrí, debrúzaselle nos ollos toda a claridade do ceo de Zamur. De alí chegou, das areas e dunas do deserto. Viviu en loita cunha xeografía hostil: o sol tropical, a seca da terra, o calor abafante, a labazada do siroco, a picadela da xifa ou víbora cornuda ...
O deserto é un inferno. E dentro dese inferno a zona do Hammadal é a peor. "¡Que te condenen a vivir no Hammadal!" reza unha vella maldición árabe.
Pois no Hammadal vive Agaila, nun campamento de refuxiados, desde que lle roubaron a súa patria. Roubáronlla os marroquís de Hassan ante a pasividade do mundo. Agaila é unha moza saharauí, descedente de pastores nómades por parte das Laila Fátima, filla do Profeta (que a paz e a beizón de Alá sexan con el).
Agora está a estudar en Vigo, cunha bolsa da Xunta. Pero estes días vive aquí connosco, na cidade das Burgas. Veu para axudarlle no seu labor a Sidia Abelah, profesor en Tinduf e coordinador dos nenos saharauís recollidos por algunhas familias ourensás. "Axúdolle no que podo e, sobre todo, sírvolle de intérprete".
Agaila ten moi claro o futuro da súa vida: ser útil á comunidade na que vive. "Cando remate os meus estudos, volverei a Tinduf e traballarei a prol do meu pobo. Loitaremos ata conseguir o regreso á nosa casa".
Invítanos a tomar té, a Neves Franco e a min. Agradecémosllo como cortesía á súa enxebre hospitalidade islámica. Os recendos da infusión devólvenme ós anos mozos da miña estadía en Tetuán, entre os mouros do Rif, nun tabor de Regulares. Prégolle que o tomemos ritualmente, ó vello estilo árabe, en tres grolos prolongados e lentos: "o primeiro, porque é amargo como a vida; o segundo, porque é doce como o amor; o terceiro porque é suave como a morte". Ela acepta compracida iluminando cun sorriso os seus ollos onde se debruza, estremecido, o ceo de Zamur.
Entre grolo e grolo, relátanos a súa aventura co seu acento dialectal da "hassanía", a língua actual saharauí, que lle pon na voz a melodía dos xílgaros:
"Cheguei a Hammadal con tres anos, hai xa vinte. Nin pan nin auga nin mantas, vivimos á intemperie, domesticamos a furia do deserto, loitamos contra mauritanos e marroquís, ladroeiros da nosas terras. Foron anos de oufego, de carraxe e de miseria. Erguemos campamentos, abrimos pozos, sementamos plantas silvestres, construímos escolas e xuramos fidelidade eterna á nosa raza. Agora temos o apoio da ONU e o respecto do mundo. Estamos a piques de acadar, por medio dun referéndum, o regreso ás nosas terras. Alí xacen as cinzas dos nosos avós. Tan axiña como cheguemos, bicaremos o chan e loaremos a Alá. El é Grande, Clemente e Misericordioso".
Conmóvennos as palabras de Agaila, filla do deserto. Dentro de pouco acudiremos á Praza Maior para despedírmonos dos nenos saharauís que regresan a Tinduf. Nenos de rostro alegre, de mirada máxica, que levarán para o deserto de Hammadal, retida nas meniñas dos seus ollos, a imaxe da nosa cidade. Sobre todo, as súas fontes.
(Este artigo de Víctor Campio Pereira foi publicado o 24-VIII-1995 no xornal La Región. Posteriormente foi recollido no libro Escritos en do menor, nas páxinas 46 e 47.
Onte souben que a Víctor lle acaban de conceder o premio As Artes do Café Isaac polo seu labor poético, aínda moi pouco coñecido e pouco recoñecido, con poemas tan fermosos, tan intensos e emotivos, como Pai e Se chego no solpor. Pero o seu alento poético e a súa sensibilidade espállase tamén á prosa, como podedes comprobar no post de hoxe sobre Agaila Lehassan.
A miña idea era falarvos hoxe del, da súa calidade literaria e da súa calidade humana, pero á final decidín que fose el quen falase de si mesmo, preferín que o coñezades a través das súas propias palabras.
Unha forte aperta, Víctor, e noraboa por este premio tan merecido!)
Adorei!
ResponderEliminarConsegui viajar , viver o drama e sonho...incrível...em tão poucas linhas!
Despois de ler este artigo, véuse á cabeza o que nunha ocasión me dixo para unha entrevista Basilio Losada. Falando da patria,encravados no fermoso val de Láncara,afirmou: "Para min a patria son os recordos de infancia". Nunca o esquecerei.
ResponderEliminarObrigado polas túas palabras, Ana!
ResponderEliminarEscollín este texto de Víctor Campio porque nel se aprecia moi ben a súa sensibilidade e a súa capacidade para facernos viaxar coas palabras. Alégrome moito de que che gustase.
¡Que sorte o das entrevistas! Non todas son iguais, claro, pero entrevistar a Basilio Losada (acabo de mercar o seu epistolario con Ramón Piñeiro) ou ás sobriñas de Ramón Piñeiro ¡xa me gustaría!
ResponderEliminarXa vin que estás a piques de comezar co dos oficios tradicionais. É unha idea fabulosa, que ademais de contruibuír a coñecer algo moi noso, permítelle aos turistas ver cousas que é difícil que vexan noutros sitios. Xa me contarás que tal.