Un día (era xullo de 2005) entrei nun foro de Vieiros no que se debatía sobre un tema que eu acababa de ler na documentación: a situación de opresión do galego nos anos da posguerra. Alguén (nunha páxina web que agora non recordo) afirmaba que durante o franquismo o galego non sufrira represión.
Eu copiei no foro un anaco de libro A xeración Galaxia de Francisco Fernández del Riego. Era este:
"Pouco antes, o 31 do mes de decembro de 1951, íase celebrar en Vigo unha sesión da Real Academia Galega para lle dar ingreso na corporación como membro numerario a Gómez Román. O encargado de responder ao discurso era Otero Pedrayo. Ambos os dous prepararan e tiñan escritas en língua galega as súas intervencións. Pero no momento de se iniciar a apertura do acto, recibiuse unha comunicación gobernativa prohibindo que un e outro académico se expresasen no noso idioma."
E tamén comentei:
Penso que ese anaco é realmente significativo (porque é significativo que se PROHIBISE usar o galego DENTRO da Real Academia Galega (en decembro de 1951!!); iso dános unha idea de como estaba a situación).
Entre a xente que participou nese foro, chamoume moito a atención un dos testemuños. Era dunha persoa que vivira a época sobre a que eu estaba a ler (nos libros de Del Riego, no de Franco Grande e noutros) e sufrira a represión.
Cópiovos un anaco desa intervención:
Autor: Exaborío Data: 29-07-05
Vai falar un home que tén setenta e sete anos e que a pesares diso anda metido de náufrago nestes mares do Internet. ...
E vou ó caso. No ano 55 ou 56 (non me lembro ben) un fato de rapaces xuntabámonos nunha taberna da miña cidade. Eramos rapaces con inquedanzas literarias e galeguistas. Ocurriusenos publicar unha revista (bilingüe) que se titularía "Xente Nova". Buscamos o material (artigos nosos e tamén de Otero Pedrayo, de Cuevillas e doutros persoeiros, que llos fomos pedir á súa casa ... Presentámonos na casa do censor ....
Esa persoa sufrira a represión, coñecera a Pedrayo e a Cuevillas ... ¡vivira unhas realidades que eu só coñecía a través dos libros!
Exaborío, que era o pseudónimo que utilizaba no foro, seguiu a comentar cousas que me impresionaban e que me emocionaban.
Cando os participantes deixaron as súas últimas opinións sobre o tema e o foro xa non deu máis de si, eu non quixen deixar pasar a oportunidade de coñecer a esa persoa que estaba detrás do pseudónimo Exaborío. De maneira que deixei o meu correo electrónico no foro coa esperanza de que se puxese en contacto comigo.
O verán xa estaba avanzado e xusto eses días collín as vacacións e marchei para O Grove. Tiña a esperanza de que esa persoa me escribise, sentía moita curiosidade por saber quen era e desexaba coñecer máis cousas sobre o que lle pasara naqueles anos.
No Grove esperábanme unhas semanas coa familia, esperábanme as praias, esperábanme unhas cuncas de albariño nas tabernas do porto, esperábame o mar.
E, se cadra, tamén un correo …
¿E el chegaría?
Campo do Fragoso CXXIV
Há 8 horas
Benvido, Daniel. Xa estou a ler e a disfrutar do teu libro. En canto remate, publicarei un comentario.
ResponderEliminarApertas,
Xesús Manuel Marcos
Moitas grazas, Xesús. Hai cousas relacionadas con esta novela que quería comentar e compartir, e un blog para iso vén de marabilla.
ResponderEliminarEu tamén empecei co teu e tamén estou a desfrutar, co estilo e coa historia. Xa che conto.
Apertas,
Daniel