¿Por que haberá palabras que chegan tan adentro de nós e que nos conmoven tanto?
¿Por que será que algunhas palabras teñen tanta forza que mesmo consiguen algo tan complicado como é trasladarnos a un tempo que non foi o noso e que (xustamente por esa razón) difícilmente podemos comprender?
Non recordo cando foi.
Poida que no ano 97 ou no 98. Daquela eu tiña o costume de lles regalar libros en galego a toda a familia. Unha brazada de libros. Ben, en realidade eran os Reis Magos quen llos regalaban, pero coa condición de que os escollese eu; e como sempre fun moi guiadiño, aceptábao de bo grado e alá ía dar unha voltiña ata Santiago, entraba en Couceiro e pasaba un bo anaco buscando ‘o libro adecuado para cada quen’. Se é complicado facelo para unha persoa, figurádevos para 15 ou 16 persoas …
Aínda que non recordo se foi no ano 97 ou no 98, recordo ben a súa imaxe, recordo velo camiñando por entre as mesas, moi encorvadiño, tal e como o vira nalgunha fotografía.
Antonio Fraguas.
Eu (cousas da timidez) miraba para el pero facendo coma quen que non miraba (xa sei que é difícil, pero ás veces (hei de admitilo) fago cousas tan difíciles coma esa ou aínda máis difíciles).
Coñecíao por algún libro que lera e tamén polos xornais e sentía unha gran admiración cara a el.
Cando marchou, un pouco despois, eu volvín ao meu particular Sudoku (atopar ‘o libro adecuado para cada quen’) .
Un día souben da súa morte, o 5 de novembro de 1999. E entón recordei aquel día, aquel momento.
Volvino encontrar uns anos máis tarde.
Non sei … foi estraño. Porque (podédemelo crer) realmente el estaba alí, comigo.
Para me documentar sobre Ramón Piñeiro e a súa época merquei moitos libros. Un deles titúlase: Testimonios de una represión. Santiago de Compostela. Julio 1936 – Marzo 1937. E foi aí, nese libro, onde me volvín encontrar con Antonio Fraguas. Na páxina 98 relata a súa experiencia sobre os días da Guerra Civil. Este é o seu testemuño:
“Hai unha novela de Remarque sobre a guerra europea, a Gran Guerra. Titúlase: Sen novidade na fronte. A min preguntáronme moitas veces cal era o episodio que máis me gustara, o que mellor comprendera. Para min é o momento en que o protagonista chega á súa casa, ve os seus libros e non lles dá importancia. Di: “Non ten valor”. A súa mentalidade truncouse. Isto é o que nos pasou a nós, aos que estivemos aquí, aos que vimos o Movimento e aturamos a guerra e a posguerra. Non fomos á guerra, non nos militarizaron. Vivimos, como dicía aquel francés cando lle preguntaron tras o dominio do terror. “¿E vostede onde estivo?” El contestou con gran filosofía: “Eu vivín”. E eu digo o mesmo ca el".
Estas palabras (non sei por que) emocionáronme, metéronse moi dentro de min.
Posiblemente vos estaredes a preguntar … ¿E por que Daniel nos fala hoxe de Antonio Fraguas? ¿E por que nos conta todo isto?
Pois porque aínda que en Ramón Piñeiro. Os días ocultos non falo da guerra (só de maneira puntual e indirecta), o certo é que para comprender o esforzo realmente heroico dos galeguistas naqueles tempos é moi importante que sexamos conscientes do trauma que supuxo a Guerra Civil. É importante que comprendamos que naqueles momentos o medo que sentía a xente era enorme.
No primeiro post faleivos da documentación. O certo é que a forza de mercar libros e máis libros (e máis libros e máis libros e máis …) o que estaba a conseguir era meterme nun sarillo.
Póñovos un exemplo.
Ramón Piñeiro estivera na guerra, de maneira que merquei libros sobre a guerra ... E nun deses libros, no párrafo que vos comentei, Antonio Fraguas fala doutro libro: Sen novidade na fronte, de maneira que tamén o merquei ...
E tiven sorte. Quero dicir que se en Sen novidade na fronte se falase dalgún outro libro que me puidese aportar algo, se cadra tamén o mercaba …
(Agora que o penso, se seguise por ese camiño, poida que non dése escrito esta historia, pero seguramente acabaría tendo unha especie de biblioteca universal).
¿Que como fixen para saír deste labirinto? Pois por unha “casualidade bonita”, a través dunha persoa que coñecín nun foro, unha persoa que (era o 3 de agosto de 2005) me mandou un correo electrónico no que dicía ...
(Un correo do que vos quería falar hoxe, e si, é certo, tedes razón, prometéravolo, pero … terá que ser mañá … )
Campo do Fragoso CXXIV
Há 8 horas
Coa que caeu, coa xente que foi paseada, a xente que foi obrigada a esquecer, a que foi arrincada ou separada dos seus, con todo iso, a labor de Piñeiro e daqueloutros galeguistas foi inmensa e moi meritoria. Non acabo de entender a teima dalgúns -poucos na Galicia de hoxe- por tirar abaixo co nome e a figura de Piñeiro. Claro que temos o que temos e se cadra por iso non merecemos máis.
ResponderEliminarTotalmente de acordo contigo, Carlos. O que conseguiron os galeguistas durante os durísimos anos da posguerra é realmente impresionante, algo que soamente poderían conseguir persoas cunhas cualidades humanas excepcionais (xenerosidade, valentía, intelixencia, sensibilidade).
ResponderEliminarAs palabras que resumen o que sinto cara a eles son admiración e agradecemento. Para min sempre serán un exemplo a seguir.