Poida que fose o medo
(ou se non era medo era algo parecido)
se cadra cansazo ou poida que ansiedade, escoitaba os seus pasos, escoitaba a súa voz, a noite instalada nos corredores que pouco a pouco se foron enchendo de sombras, a noite xa instalada no meu cuarto, a monxa
-Ten que durmir
eu incapaz de durmir
(o máis probable era que fose medo)
eu no hospital mirando para a parede talmente como me pasou aquel día cando pouco despois de baixar do despacho do director empecei a sentirme estraño, de súpeto era como se eu fose outro, sen gana de falar, sen gana de saír nin de participar nas tertulias, sen lle facer caso aos amigos, sen lle facer caso a Tomás que viña a cada pouco á miña cela, sentaba ao meu rente
-É que non pensas saír en todo o día?
e o doutor pedíndome que non parpadease, que non me movese, o doutor examinándome cunha lampadiña, poñendo cara seria, eu sen facerlle caso cando dixo
-A situación é mala
e a monxa entrando e saíndo, o eco dos seus pasos indo e vindo polo corredor, o eco da súa voz suspendido no aire, a monxa que volveu un pouco máis tarde para comprobar se xa durmía
-Quere que lle feche as contras?
sen comprender que non era a claridade o que me impedía durmir, sen comprender que non era o ruído dos seus pasos nin tampouco eran os ruídos da noite, que era eu, que non paraba de recordar, que non paraba de mirar para aquelas imaxes
(tamén de Lugo, e eu
-Por que Lugo?)
e sei que era Lugo porque vía a Muralla e a Praza Maior, e sei que non eran imaxes do ano 35 porque tamén estaba o Cilistro, os dous no bar Moderno ou se non era no Moderno era no bar Madrid, e había máis xente, e pouco a pouco todos foron marchando ata que só quedamos nó-los dous, o Cilistro parecía nervioso, apoiou os cóbados na mesa, mirou para min con mirada insegura, tusiu un pouco, e despois dun cacho
-Como ves a situación?
(eu no hospital mergullado nuns recordos que en realidade eran imaxes e que eu non sabía por que aparecían, como tampouco non o souben cando estaba no cárcere e tamén xurdiron recordos que eran imaxes e que eu vía na parede talmente coma se houbese un proxector, unhas imaxes que eu seguiría a ver aínda que a monxa fechase as contras, porque non era o ruído dos seus pasos nin o ruído da noite o que non me deixaba durmir, era eu)
estaba ilusionado e esperanzado, díxenlle ao Cilistro que ...
(No post anterior falábavos do estilo que utilicei, dos fíos. Acabo de vos copiar o comezo do capítulo III de Fendas na escuridade, a primeira parte de Ramón Piñeiro. Os días ocultos para que teñades unha idea sobre que son os fíos (neste caso: o hospital, o cárcere, Lugo) e o que vai pasando en cada un deses fíos. Nesta novela intentei ser un simple intemediario, deixar que fosen Ramón Piñeiro e Víctor Campio (a través deses 'fíos de lembranza') quen nos falasen da súa vida, das súas loitas, dos seus medos, das súas ilusións, e sobre todo dos seus esforzos para conseguir unha Galicia máis dona de si)
(A información que aparece na novela tomeina de moitas lecturas: biografías, libros de entrevistas, autobiografías, gravacións, epistolarios ... Libros que moitas veces me absorbían tanto que ... , ben, o que vos quero dicir é que un día lendo Un epistolario de Ramón Piñeiro eu (nese momento ía no metro cara ao traballo) estaba tan abstraído (talmente como Piñeiro no comezo deste capítulo III) que cando erguín a vista do libro, cando mirei ao meu redor, tardei tempo en decatarme de donde estaba(foi como unha especie de viaxe no tempo, algo que me pasou moi poucas veces en todos estes anos indo e vindo polas entrañas desta cidade, mañá cóntovos)).
Campo do Fragoso CXXIV
Há 8 horas
0 comentários:
Enviar um comentário