Como unha botella que un pousa na babuxiña, sen saber se o mar a vai levar lonxe, ou se a vai empuxar de volta cara á terra.
Podería ser.
O certo é que un nunca sabe. Porque o mar ten as súas reglas e (tamén) os seus caprichos.
A botella é … este feixiño de palabras. E o mar é … internet.
En todo caso, dicir que este blog parte dunha necesidade, dun sentimento enorme de admiración e de gratitude cara a unha xente que, en tempos tremendamente duros, fixeron cousas moi importantes para Galicia. Pequenos milagres. Ou non tan pequenos.
E tamén parte do desexo de comprender, de compartir, de aprender.
Déixovos tres palabras: “Os días ocultos” (se cadra suxírenvos algo, non sei).
E tamén vos deixo un anaco que escribín nun foro de Vieiros en xullo de 2005:
“Hai uns meses lin unha crítica n'A Nosa Terra' (feita por Xulio Ríos) sobre o libro Os anos escuros, de Franco Grande. Lin o libro e desa maneira coñecín unha etapa da historia recente de Galicia na que, nunha situación moi difícil, houbo xente que se esforzou por que as cousas fosen a mellor.
As vivencias desas persoas espertaron en min unha grande admiración cara a eles. Logo lin varios libros de Fernández del Riego (Camiño andado, O río do tempo) e iso fíxome descubrir nel a unha persoa cunha enorme capacidade de traballo e sacrificio por Galicia (dun traballo 'posibilista', no que os avances eran lentos, e sempre a base de sacrificio e de teimar, de non perder o alento). “
Ese foro (qué cousas ten a vida ¿non si?) abriume unha porta importante. Eu daquela intentaba escribir unha historia (mellor dito: estaba a darlle voltas e máis voltas a unha morea de documentación para (se cadra - poida que - tal vez - etc. etc.) algún día escribir unha historia.
Hei de admitir que naquela altura eu estaba bastante-moi perdido. Porque a documentación da que dispuña era cada día máis, e porque non sabía como utilizala para enfiar unha historia.
Pero aconteceu algo … (“unha casualidade bonita”) que me axudou a saír daquel sarillo no que me metera.
Outro día cóntovos.
Boa fin de semana a todos. Por aquí, en Madrid, xa estamos a abafar. E inda non comezou o verán …
Campo do Fragoso CXXIV
Há 8 horas
Magnífico blog, meu amigo!
ResponderEliminarParabéns
Almiral Mouchez
Moitas grazas, Almiral. Hei intentar, na medida das miñas posibilidades, transmitir a admiración e a gratitude que sinto cara aos galeguistas que en tempos tremendamente duros se esforzaron porque o espírito de Galicia non esmorecese. Unha cordial aperta.
ResponderEliminar