Hai pouco estiven a ler unha historia épica: Canción de hielo y fuego, de George R. R. Martin. Un auténtico folletín, pero moi ben escrito. Cunha maneira de contar moi orixinal: relata a historia dende o punto de vista de varias personaxes, de maneira que nas nosas mentes, a través dos diferentes prismas, das diferentes vivencias, pouco a pouco imos compoñendo a historia, encaixando as ‘pezas’. Iso, xunto a outros elementos, fan que a historia sexa realmente adictiva.
O curioso (o realmente curioso tendo en conta a extensión desa historia) é que non me gustan moito as historias épicas. Mellor dito: hai algo nelas que non me gusta: as batallas, as loitas, a violencia; e sen embargo hai outra parte que si me gusta: o feito de que existe un perigo inminente e que o heroe ou protagonista se encontra nunha situación na que o seu mundo está a piques de desaparecer, e el ten que abandonar a tranquilidade da súa vida normal para enfrontarse a perigos descoñecidos.
E intentar vencelos.
Seguramente habédevos de preguntar … ¿pero por que redemontres nos fala Daniel dunha historia épica?
Porque … a ver …(seguirédevos a preguntar) Daniel no post anterior dicíanos que estaba a piques de comezar as súas vacacións (era o verán de 2005), e falábanos do mar, das praias, dunhas cuncas de albariño … Pero sobre todo nos falaba dun correo que esperaba con moita ilusión.
O correo. Si. Despois cóntovos o que pasou. Pero agora tan só vos quería comentar o seguinte: que hai historias épicas que non o parecen. E se non o parecen é porque os heroes non se enfrontan nunha ‘batalla decisiva’ a un monstro enorme, tan grande coma unha montaña e con sete cabezas e con …
Non. Na historia épica da que vos quero falar ese monstro non existe, e tampouco non hai unha batalla ‘decisiva’. O que hai é unha loita continua e teimosa; unha loita na que, case sen que o ‘inimigo’ se decate, os heroes van conseguindo pequenos obxectivos. Un día consiguen un. Outro día consiguen outro. Así día tras día. Sen parar.
Un día e outro día. Sempre traballando con valentía, con xenerosidade, con ilusión. Sobre todo con ilusión.
Con todo isto o que vos pretendo dicir é que a novela Ramón Piñeiro. Os días ocultos en realidade (no fondo) é unha historia épica: a historia da loita que levaron adiante Ramón Piñeiro, Del Riego, Illa Couto, Otero Pedrayo, …
Eles e moitos máis. Porque cada día eran máis (porque, segundo pasaba o tempo, a semente ía agromando).
Pero hoxe … en fin … a miña idea era falarvos dun correo electrónico … O que quería era dicirvos que eu estaba xa no Grove, que levaba uns poucos días de vacacións, que era o 3 de agosto de 2005 e que ese día consultei a miña conta en hotmail. E entón vin unha mensaxe de alguén que non coñecía. E pensei que se cadra era …
Abrín o correo. E estas foron as primeiras palabras que lin: “Son o Exaborío do foro … “
(Uff. Dáme a impresión que este post xa é abondo extenso …
Mañá sígovos contando. Prometido).
Campo do Fragoso CXXIV
Há 8 horas
0 comentários:
Enviar um comentário