O luns 5 decembro 2005 Víctor Campio contábame unha visita que lle fixera a Xosé Tobío Mayo:
O outro recordo refírese á derradeira vez que o vin. Fora eu coa miña familia, nunha viaxe, á beira do Atlántico para amosarlle o mar de Corrubedo e, ó pasar por Esteiro, pareime con el. Vino moi desmellorado. Estaba obsesionado con que lle devolveran o que lle roubaran: o tempo que botou na Arxentina sen dar clases e o seu diñeiro correspondente.
Esa frase impresionoume. Dalgunha maneira, na miña mente comezou a dar voltas a idea dunha persoa que dende a altura da vellez mira cara atrás e pensa (e retoma ese pensamento unha e outra vez) que lle deberían devolver o tempo que lle roubaran.
Ese foi o comezo ...
Digo que foi o comezo porque, case sen decatarme, despois de ler ese correo, escribín isto (que é o comezo de Nesta hora sen voz, a segunda parte de Ramón Piñeiro. Os días ocultos):
Quería que lle devolvesen todo o que lle roubaran: os cartos que perdera de gañar, os anos que tivera que pasar lonxe da terra, o libro que estaba para imprimir
(quería que lle devolvesen o tempo, como se o tempo fose algo que )
eu ía nun coche vello coa muller e coas fillas, fixeramos aquela viaxe porque lles quería ensinar o mar, as dunas, a auga de Corrubedo
e de súpeto
(-Aquí, nesta vila, vivín case tres anos)
os recordos que daban voltas ao meu redor, as meniñas que estaban cansas, o coche que non era cómodo, era pequeno, atravesamos rúas estreitas, subimos costas e baixamos costas, vimos o mar
(se estirabamos os brazos, case que o podiamos tocar coas puntiñas dos dedos)
Dos correos que me enviaba Víctor Campio, houbo moitos que me impresionaron e que me emocionaron (xa vos contarei), pero, por algunha razón, este ‘empuxoume’ a escribir …
(a idea do paso do tempo ..., a idea de recuperar o pasado … ¿podemos recuperalo dalgunha maneira? ¿pensades que si?)
Unha das moitas cousas que me aportou Víctor Campio con estas mensaxes foi algo moi importante para min, algo moi importante para esta historia: a maneira de contala, o estilo. Ese estilo naceu xustamente do correo do que vos acabo de falar.
Sen dúbida, unha das partes máis importantes de escribir unha historia é encontrar o estilo, porque usar un estilo ou outro pode facer que unha historia chegue ou non, que teña forza ou non.
O estilo tomeino (dentro das miñas posibilidades e limitacións) de António Lobo Antunes, un dos grandes escritores do noso tempo, realmente impresionante, gústame moito por como combina os fíos dunha historia e tamén porque na súa escrita utiliza recursos da poesía, como son a musicalidade e o sentido do ritmo. Creo que o del é un estilo moi adecuado para contar lembranzas: un empeza a contar algo, xurde unha asociación de ideas, pasa a contar outra cousa, xurde outra, e outra, e despois vai volvendo ao fío inicial (é dicir, primeiro enfía o nobelo e despois vaino desenfiando). Está claro que detrás desa asociación de ideas, en ‘apariencia’ automática, está o esforzo, detrás hai unha arquitectura que o lector non debería percibir, pero que está aí.
Quén me ía dicir a min, mentres lía e relía algúns dos seus libros, que ía coñecer a Lobo Antunes aquel 20 de abril de 2006, cando me acheguei a aquel estrado cun exemplar de A morte de Carlos Gardel na man, e el mirou para o libro algo sorprendido, e entón, sen deixar de fixar en min os seus ollos dun azul profundo, preguntou …
Miguel Ángel Rodríguez, moralista
Há 5 dias
Sem comentários:
Enviar um comentário