Manter a tensión, facer que o protagonista se enfronte a unha situación complicada, de maneira que o lector se pregunte: ¿e agora? ¿que é o que vai pasar?
(E intente atopar a resposta na seguinte páxina, e despois busque na outra, e despois … ).
Mentres lía a vida de Del Riego (e tamén a de Ramón Piñeiro, que lin algún tempo máis tarde) aconteceume iso moitas veces.
Preguntábame: ¿e agora? ¿Que é o que vai facer?
Na páxina 86 de Camiño andado, Del Riego relátanos o que pasou aquel día. Era outono do 39 e había pouco que volvera da guerra. Nese momento acababa de coller o tren con destino a Vigo porque en Santiago (onde vivía coa familia) estaba ameazado polos falanxistas e tiña a esperanza de comezar unha nova vida en Vigo no bufete de Valentín Paz-Andrade.
Aproveitando que o tren parou na estación de Redondela, Del Riego baixou, mercou o Faro de Vigo e nel encontrou unha noticia que o deixou desconcertado. De súpeto tiña que tomar unha decisión, sabendo que dispoñía de moi pouco tempo e que do que fixese dependía o seu futuro. Se cadra, tamén a súa vida …
A pregunta que se plantexou el nese momento, era:
¿Debería regresar á cidade de procedencia, onde perigaba a miña integridade? ¿Ou sería máis conveniente continuar ao punto de destino, onde non contaba con ninguén a quen dirixirme?
E eu, como lector, tamén me plantexaba esa pregunta.
O motivo da súa inquedanza era que no Faro de Vigo dese día se informaba de que Valentín Paz-Andrade fora préso por cousa dun escrito saído do seu bufete e no que defendía os dereitos dos carniceiros.
Eu tiña curiosidade por saber que era o que ía facer Del Riego. ¿Seguir o seu camiño? ¿Volver para Santiago?
Finalmente decidiu seguir cara a Vigo e esperar que alí a situación mellorase.
Porque en realidade, pouco máis podía facer.
Só esperar.
Fortaleza. O que quero dicir é que fai falta moita fortaleza para non derrubarse nunha situación de ameaza case constante.
Porque esa era a situación.
A través de mediadores que ían visitar a Paz-Andrade ao cárcere, Del Riego foi recibindo información sobre cal ía ser o seu traballo no bufete, centrouse na tarefa, pero …
(unha ameaza que non paraba, que sempre andaba a revoar, case constante).
Tódolos días Del Riego chegaba cara ás nove da mañá ao bufete e alí comezaba co seu labor. Pero, tal como relata na pax. 132 de O río do tempo:
Pasada unha media hora, máis ou menos, desque chegaba ao despacho, soaba o teléfono. Mesmo ao dependurar o auricular, escoitaba unha voz grosa e anónima con esta pregunta: “¿Sabe vostede que está a vivir co permiso do enterrador?”
Vaia frase ¿non vos parece? Sen dúbida ten moita forza porque resume ben o que era, durante aqueles primeiros anos do franquismo, a vida da xente perigosa para o Réxime.
Para min frases coma esa e situacións coma a de Del Riego en Redondela mirando desconcertado o que poñía no Faro de Vigo, teñen moita forza. Dalgunha maneira, despois de lelas, era como se estivesen a chamar por min e a dicirme: “Tesnos que meter na historia que queres contar”
O problema (había un problema, e nada pequeno) era que había tantas escenas e tantas situacións que me pedían entrar na historia, que eu … ben … non sabía como redemontres podería facer para que entrasen todas (e que non estivesen moi apretadiñas).
Porque claro … eu lía un libro … e aparecían (moitas) escenas e situacións que me chamaban a atención. E cando lía outro … aparecían máis. E se lía outro … ¡tamén aparecían!
Afortunadamente, ademais de ler libros, a partir dun momento empecei a ler correos electrónicos, moitos correos (algún día heinos contar e dígovos cantos son).
O primeiro chegou aquel 3 de agosto e comezaba así: “Son o Exaborío do foro … “
Eu, a verdade, sentía que me estaba a facer un regalo. E sempre lle respondía agradecéndolle o que me contaba, e pedíndolle que me contase máis (¡pero mira que son egoísta!).
Pois si. Quería saber máis porque coas cousas que me contaba eu aprendía. Aprendía sobre a vida, sobre o compromiso, sobre a xenerosidade, sobre a dignidade. E tamén me emocionaba.
Unha pregunta … ¿Credes que é posible coñecer a unha persoa a través do que escribe? Eu penso que si (dacordo, depende, porque se o que escribe son cartas comerciais …, en fin, pois non). O que si vos podo asegurar é que naquelas mensaxes que me chegaban, eu percibía unha persoa sensible, xenerosa, humilde, con moi bo corazón. E non me equivoquei.
Varios meses despois de que comezasen a chegar aquelas mensaxes coñecín por fin á persoa que mas mandaba, coñecín a Víctor Campio Pereira, gran poeta e amigo.
Campo do Fragoso CXXIV
Há 8 horas
0 comentários:
Enviar um comentário